O Ceesg
Quen somos
A Asemblea Xeral é o máximo órgano de goberno do Colexio e está integrada por todas as persoas colexiadas.
Reúnese como mínimo unha vez ao ano, para aprobar as memorias económica e de actividades do ano anterior e os orzamentos e plans de traballo do seguinte.
Actas de asembleas dos últimos anos
Segundo o recollido nos estatutos do colexio, os cargos na Xunta de Goberno escóllense a través dun proceso electoral e o mandato ten unha duración de catro anos. O exercicio destes cargos non é remunerado.
A actual Xunta de Goberno do Ceesg foi elixida na asemblea que tivo lugar o 19 de febreiro de 2022.
Sonia González Rodríguez
Educadora Social vocacional. Feminista e defensora da xustiza social. Colexiada convencida, formo parte de Abeira.
Diplomada e posteriormente graduada en Educación Social pola UDC.
Realizo o labor profesional no Servizo de Educación e Apoio familiar en Arteixo.
Especialista universitaria en Intervención Familiar e en Mediación Familiar.
Entendo a Educación Social como a profesión do acompañamento social e educativo á cidadanía dende a presenza cercana, dende a necesidade de favorecer procesos de toma de decisións nas persoas que favorezan a súa autonomía e dignidade.
Buscadora de aprendizaxes de vida e de mellora da profesión. Viaxeira incansable e defensora das familias, incluída a miña.
Rocío Núñez Rúa
Da promoción do 98-01 da Universidade de Vigo.
Feminista, nai, alegre e responsable. Canguesa de nacemento e corazón e santiaguesa por escolla. Amante da música ao vivo cunha ampla traxectoria no activismo social compostelán.
Máster en Mediación e Orientación Familiar. Especializada en diversidades.
O meu traballo desenvolveuse durante 15 anos anos no Terceiro sector de Acción social, actualmente son funcionaria da Administración pública nos Servizos sociais comunitarios.
Formei parte da anterior Xunta de Goberno do Ceesg e coordinei o Grupo de traballo de saúde ‘Miolo’.
Alfonso Tembrás López
Levo case 30 anos traballando en programas e accións orientadas a previr e atender ás persoas con problemas relacionados co consumo de drogas.
Paralelamente levo desenvolto diversas responsabilidades no ámbito colexial desde os seus inicios (e antes).
Actualmente coordino a Comisión de Ética Benestar do Colexio, tamén participo no Grupo de traballo Miolo e na Comisión de Deontología do CGCEES
Rodrigo Gil Cedillo
Graduado en Educación Social da promoción 2015-2019 da Universidade da Coruña. Curso actualmente o Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria na mesma universidade.
Desde que rematei a carreira traballei especialmente no ámbito da protección da infancia, pasando por diferentes recursos como centro de protección, Punto de Encontro Familiar e programas de atención e integración familiar. Actualmente traballo nunha iniciativa que busca atender, apoiar e acompañar a persoas en situación de vulnerabilidade para que poidan acceder a recursos sociais.
Especialmente interesado no ámbito da exclusión social e os dereitos sociais, concretándose ese interese no activismo a favor da Renda Básica.
Jesús Deibe Fernández Simo
Diplomado en educación social no ano 2000.Graduado en Educación social no 2015. Doutor en ciencias da educación pola Universidade de Vigo.
Traballei durante dúas décadas en diferentes recursos especializados no acompañamento socioeducativo con adolescencia en vulnerabilidade social.
Actualmente traballo a tempo completo como docente e investigador en Educación Social no Campus de Ourense.
Publiquei diversos traballos sobre a acción socioeducativa con mocidade en situación de dificultade social.
Pilar Ramallal Fernández
Diplomada en Educación Social e licenciada en Pedagoxía. Traballo no Sistema de Protección á infancia, en concreto en programas de acollemento residencial e tránsito á vida independente das mozas e mozos.
Defensora de situar á infancia no centro, a súa escoita e os seus intereses. En continuo camiño e aprendizaxe para poder afinar a mellor ferramenta no acompañamento socioeducativo das mozas e mozos: a figura da educadora social, a que acompaña, a que cría terapéuticamente e a que en definitiva, exerce de titora de resiliencia.
Noelia Rodríguez Álvarez
Educadora social feminista activista. Da promoción do 96-99 da USC e coa mesma ilusión, gañas e enerxía que o primeiro día.
Proactiva, resiliente e con moita enerxía, gosto especialmente do traballo en equipo.
Experta en igualdade de xénero e en xerontoloxía social e adicada profesionalmente á docencia para o emprego e á prevención e intervención na violencia de xénero.
No ámbito colexial o meu traballo está sobretodo no Cgcees onde formo parte da Xunta de Goberno. Coordino a área de comunicación e a comisión de xénero e diversidade. Por que dicir non, cando podes dicir que si?
María Jesús Segade Conde
Educadora social feminista. Da promoción do 96-99 da Universidade de Vigo.
A Educación Social é un todo na miña vida diaria, entendéndoa coma un medio de transformación social, buscando a igualdade, no seu sentido máis amplo, valorando todos os aspectos que nos fan únicos e que enriquecen as distintas comunidades das que podemos formar parte, respectándonos e axudándonos independentemente do xénero, procedencia, crenzas, economía, status social…
Despois de exercer o meu labor profesional en distintas institucións, levo anos traballando nos Servizos Sociais comunitarios do Concello de Melide como Educadora Social no Servizo de Educación e Apoio Familiar, dende o cal procuro transmitir os valores mencionados anteriormente, aportando o meu gran de area, na mellora da sociedade.
Especialista universitaria en Intervención Familiar e na Mediación, un dos meus ámbitos predilectos.
Amante da loita sen armas, coma ferramenta para acadar unha sociedade xusta, equitativa e inclusiva.
Carmen Zamora Castro
O que comezou como un traballo de verán completou a miña vida profesional (27 anos) permitindo desempeñar o que aínda non sabía era a miña vocación. Tiven a sorte de aprender dos nen@s cos que convivín dende a miña experiencia de Educadora de Casa de Familia, moitos dos cales forman parte do meu círculo de persoas importantes, exemplos de superación e loita contínua.
Compatibilizo a miña vida profesional coa persoal vivindo na Casa de Familia apostando así por un modelo inclusivo.
Participei na creación de Arela e Faibén, onde nesta última, desenvolvo actualmente o meu labor profesional como educadora e membro do Equipo directivo.
Entendo a educación dende a perspectiva da responsabilidade para defender os dereitos das nenas e nenos en desprotección, e porque é necesaria para axudar a restablecer as dificultades da nosa sociedade.
Encántame ‘hempregar o sentido do umor como ferramenta’
O traballo do Ceesg no actual mandato está sustentado e guiado polos seguintes principios:
- A responsabilidade social e reivindicativa na defensa da Educación Social.
- Compromiso coa ética e o código deontolóxico da nosa profesión.
- A transparencia e a pluralidade.
- A participación, o carácter proactivo e propositivo, achegando propostas tecnicamente argumentadas e de valor ético, político e socioeducativo.
- O traballo en rede entre profesionais, aberto e colaborador con outras entidades e profesións relacionadas coa intervención social e coa comunidade.
- A utilidade e a eficiencia, dando respostas ás demandas e preocupacións das persoas colexiadas e non colexiadas, así como ao resto da cidadanía.
- A actualización. Un colexio visible e empoderado.
- A horizontalizade, construíndo e transformando en equipo.