Transparencia
Información Institucional
Segundo o recollido nos estatutos do colexio, os cargos na Xunta de Goberno escóllense a través dun proceso electoral e o mandato ten unha duración de catro anos. O exercicio destes cargos non é remunerado.
A actual Xunta de Goberno do Ceesg foi elixida na asemblea que tivo lugar o 19 de febreiro de 2022.
Sonia González Rodríguez
Educadora Social vocacional. Feminista e defensora da xustiza social. Colexiada convencida, formo parte de Abeira.
Diplomada e posteriormente graduada en Educación Social pola UDC.
Realizo o labor profesional no Servizo de Educación e Apoio familiar en Arteixo.
Especialista universitaria en Intervención Familiar e en Mediación Familiar.
Entendo a Educación Social como a profesión do acompañamento social e educativo á cidadanía dende a presenza cercana, dende a necesidade de favorecer procesos de toma de decisións nas persoas que favorezan a súa autonomía e dignidade.
Buscadora de aprendizaxes de vida e de mellora da profesión. Viaxeira incansable e defensora das familias, incluída a miña.
Rocío Núñez Rúa
Da promoción do 98-01 da Universidade de Vigo.
Feminista, nai, alegre e responsable. Canguesa de nacemento e corazón e santiaguesa por escolla. Amante da música ao vivo cunha ampla traxectoria no activismo social compostelán.
Máster en Mediación e Orientación Familiar. Especializada en diversidades.
O meu traballo desenvolveuse durante 15 anos anos no Terceiro sector de Acción social, actualmente son funcionaria da Administración pública nos Servizos sociais comunitarios.
Formei parte da anterior Xunta de Goberno do Ceesg e coordinei o Grupo de traballo de saúde ‘Miolo’.
Alfonso Tembrás López
Levo case 30 anos traballando en programas e accións orientadas a previr e atender ás persoas con problemas relacionados co consumo de drogas.
Paralelamente levo desenvolto diversas responsabilidades no ámbito colexial desde os seus inicios (e antes).
Actualmente coordino a Comisión de Ética Benestar do Colexio, tamén participo no Grupo de traballo Miolo e na Comisión de Deontología do CGCEES
Rodrigo Gil Cedillo
Graduado en Educación Social da promoción 2015-2019 da Universidade da Coruña. Curso actualmente o Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria na mesma universidade.
Desde que rematei a carreira traballei especialmente no ámbito da protección da infancia, pasando por diferentes recursos como centro de protección, Punto de Encontro Familiar e programas de atención e integración familiar. Actualmente traballo nunha iniciativa que busca atender, apoiar e acompañar a persoas en situación de vulnerabilidade para que poidan acceder a recursos sociais.
Especialmente interesado no ámbito da exclusión social e os dereitos sociais, concretándose ese interese no activismo a favor da Renda Básica.
Jesús Deibe Fernández Simo
Diplomado en educación social no ano 2000.Graduado en Educación social no 2015. Doutor en ciencias da educación pola Universidade de Vigo.
Traballei durante dúas décadas en diferentes recursos especializados no acompañamento socioeducativo con adolescencia en vulnerabilidade social.
Actualmente traballo a tempo completo como docente e investigador en Educación Social no Campus de Ourense.
Publiquei diversos traballos sobre a acción socioeducativa con mocidade en situación de dificultade social.
Pilar Ramallal Fernández
Diplomada en Educación Social e licenciada en Pedagoxía. Traballo no Sistema de Protección á infancia, en concreto en programas de acollemento residencial e tránsito á vida independente das mozas e mozos.
Defensora de situar á infancia no centro, a súa escoita e os seus intereses. En continuo camiño e aprendizaxe para poder afinar a mellor ferramenta no acompañamento socioeducativo das mozas e mozos: a figura da educadora social, a que acompaña, a que cría terapéuticamente e a que en definitiva, exerce de titora de resiliencia.
Noelia Rodríguez Álvarez
Educadora social feminista activista. Da promoción do 96-99 da USC e coa mesma ilusión, gañas e enerxía que o primeiro día.
Proactiva, resiliente e con moita enerxía, gosto especialmente do traballo en equipo.
Experta en igualdade de xénero e en xerontoloxía social e adicada profesionalmente á docencia para o emprego e á prevención e intervención na violencia de xénero.
No ámbito colexial o meu traballo está sobretodo no Cgcees onde formo parte da Xunta de Goberno. Coordino a área de comunicación e a comisión de xénero e diversidade. Por que dicir non, cando podes dicir que si?
María Jesús Segade Conde
Educadora social feminista. Da promoción do 96-99 da Universidade de Vigo.
A Educación Social é un todo na miña vida diaria, entendéndoa coma un medio de transformación social, buscando a igualdade, no seu sentido máis amplo, valorando todos os aspectos que nos fan únicos e que enriquecen as distintas comunidades das que podemos formar parte, respectándonos e axudándonos independentemente do xénero, procedencia, crenzas, economía, status social…
Despois de exercer o meu labor profesional en distintas institucións, levo anos traballando nos Servizos Sociais comunitarios do Concello de Melide como Educadora Social no Servizo de Educación e Apoio Familiar, dende o cal procuro transmitir os valores mencionados anteriormente, aportando o meu gran de area, na mellora da sociedade.
Especialista universitaria en Intervención Familiar e na Mediación, un dos meus ámbitos predilectos.
Amante da loita sen armas, coma ferramenta para acadar unha sociedade xusta, equitativa e inclusiva.
Carmen Zamora Castro
O que comezou como un traballo de verán completou a miña vida profesional (27 anos) permitindo desempeñar o que aínda non sabía era a miña vocación. Tiven a sorte de aprender dos nen@s cos que convivín dende a miña experiencia de Educadora de Casa de Familia, moitos dos cales forman parte do meu círculo de persoas importantes, exemplos de superación e loita contínua.
Compatibilizo a miña vida profesional coa persoal vivindo na Casa de Familia apostando así por un modelo inclusivo.
Participei na creación de Arela e Faibén, onde nesta última, desenvolvo actualmente o meu labor profesional como educadora e membro do Equipo directivo.
Entendo a educación dende a perspectiva da responsabilidade para defender os dereitos das nenas e nenos en desprotección, e porque é necesaria para axudar a restablecer as dificultades da nosa sociedade.
Encántame ‘hempregar o sentido do umor como ferramenta’
Decreto de cambio de denominación do Colexio.
Lei 11/2001, de 18 de setembro, de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Lei 2/1974, de 13 de febreiro, sobre Colexios Profesionais.
—
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia está ao servizo da cidadanía, e moi especialmente dos colectivos destinatarios da acción socioeducativa das e dos profesionais da Educación Social.
É unha corporación de dereito público constituída por lei, e concibida para:
- Ordenar o exercicio profesional en calquera das súas formas e modalidades.
- Representar os intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de educación social.
- Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención do título de educación social.
- Mellorar o nivel de calidade das prestacións profesionais das/dos colexiadas/os, promovendo a súa formación e perfeccionamento.
- Defender os intereses profesionais das/dos colexiadas/os.
- Velar para que a actividade profesional se adecúe aos intereses da cidadanía.
- Promover o recoñecemento social e profesional da educación social.
A forza de calquera colexio profesional reside nas persoas colexiadas, que conforman a Asemblea Xeral, o seu órgano máximo na toma de decisións.
O Ceesg pertence ao Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales a través do cal colabora coa Educación Social en todo o Estado Español e tamén a nivel internacional.
O Regulamento de Réxime Interno (RRI) é un conxunto de normas relativas ao funcionamento do Colexio, que complementa o establecido nos Estatutos.
O actual RRI foi aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria do Ceesg do 19 de febreiro de 2022.
Declaración Institucional de compromiso co traballo libre de acoso sexual ou por razón de sexo
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia fai público ou seu compromiso co obxectivo de fomentar e manter un entorno de traballo seguro e respectuoso coa dignidade, a liberdade individual e os dereitos fundamentais de todas as persoas que integran a nosa organización.
De acordo con ese compromiso, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia declara que as actitudes de acoso sexual e acoso por razón de sexo representan un atentado grave contra a dignidade das persoas e dos seus dereitos fundamentais.
Polo tanto, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia comprométese a:
- Non permitir nin tolerar baixo ningún concepto comportamentos, actitudes ou situacións de acoso sexual e acoso por razón de sexo.
- Non ignorar as queixas, reclamacións e denuncias dos casos de acoso sexual e acoso por razón de sexo que se poidan producir na organización.
- Recibir e tramitar de forma rigorosa e rápida, así como coas debidas garantías de seguridade xurídica, confidencialidade, imparcialidade e dereito de defensa das persoas implicadas, todas as queixas, reclamacións e denuncias que puideran producirse.
- Garantir que non se producirá ningún tipo de represalia nin contra as persoas que formulen queixas, reclamacións ou denuncias, nin contra aquelas que participen no seu proceso de resolución.
- Sancionar ás persoas que acosen en función das circunstancias e condicionamentos do seu comportamento ou actitude.
Para a consecución efectiva deste compromiso o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia , esixe de todas e cada unha das persoas que integran a súa organización que asuman as seguintes responsabilidades:
- Tratar a todas as persoas coas que se manteñan relacións por motivos de traballo (provedores/as, clientela, persoal colaborador externo, etc.) con respecto a súa dignidade e aos seus dereitos fundamentais.
- Evitar comportamentos, actitudes ou accións que son ou poidan ser ofensivas, humillantes, degradantes, molestas, intimidatorias ou hostís. Actuar adecuadamente fronte a eses comportamentos, actitudes ou accións: non ignorándoos, non tolerándoos, manifestando o seu desacordo, impedindo que se repitan ou se agraven, comunicándoos ás persoas designadas ao efecto, así como prestando apoio ás persoas que os sofren.
Pola súa parte, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia comprométese a establecer as seguintes medidas para a prevención e actuación fronte ao acoso sexual e/ou acoso por razón de sexo:
- Deseño dun protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo.
- Difusión e distribución entre todas as persoas traballadoras do protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e o acoso por razón de sexo.
- Realización de accións formativas en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo entre o persoal directivo, mandos intermedios e persoas designadas para a recepción, tramitación e resolución das queixas, reclamacións e denuncias.
- Realización de campañas formativas, informativas e de sensibilización en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo a todo o persoal da entidade, así como ao persoal de novo ingreso.
- Deseño e distribución de folletos informativos en materia de prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo, dando a coñecer as vías de resolución de estas situacións, tanto no ámbito da entidade, como fóra da mesma.
- Designación dunha persoa ou equipo de persoas, con formación específica en igualdade entre mulleres e homes, prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo e habilidades sociais para a recepción, tramitación e resolución das queixas, reclamacións e denuncias nesta materia.
- Establecemento dun servicio de asesoramento, apoio e asistencia ás persoas que poidan sufrir estes comportamentos, composto por persoas coa formación e aptitudes necesarias para o desempeño dese labor.
- Inclusión das medidas para a prevención do acoso sexual e do acoso por razón de sexo no plan de igualdade da entidade.
- Avaliación e seguimento, con carácter periódico, do desenvolvemento, funcionamento e efectividade do protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e ao acoso por razón de sexo.
Asinado en Santiago de Compostela, a 19 de xuño de 2021
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
Consultar Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e por razón de sexo
Este breve manual é un compendio sintético de indicacións sinxelas, que se elaborou co obxectivo de facilitar a creación de textos verdadeiramente accesibles a todas as persoas.
Está dirixido ao uso do propio Ceesg como entidade, mais de seguro poderá ser de utilidade a calquera profesional que desexe garantir un mínimo de accesibilidade á lectura nos seus textos.
Debido ao elevado número de peticións de difusión polas nosas canles de diferentes propostas formativas, o Ceesg aprobou un documento que recolle algúns criterios que nos axudan á valoración e selección das actividades de formación que difundimos.
Trátase dun documento orientativo e non exhaustivo. A difusión de actividades externas que cumpran estes criterios farase sempre que o permita a restante actividade propia do colexio. Tamén pode haber situacións, como convenios de colaboración ou similares, que dean prioridade á difusión de determinadas accións.