Educación social
A profesión
A Educación Social é unha profesión de carácter pedagóxico, xeradora de contextos educativos e accións mediadoras e formativas que posibilitan a incorporación da persoa ás redes sociais e a promoción cultural e social.
A Educación Social debe entenderse como un Dereito da Cidadanía.
- Somos profesionais da acción socio-educativa en todos os ámbitos nos que esta poida darse: desenvolvemento comunitario, saúde, educación ambiental, centros educativos e escolas, orientación laboral, institucións penais, tempo libre… e en todos os sectores da poboación: infancia e adolescencia, persoas maiores, persoas migrantes, mulleres, familias, diversidade funcional, diversidade cultural, adiccións,...
- Traballamos con persoas: con grupos, con comunidades, con familias e tamén individualmente, para lograr procesos de desenvolvemento social e cultural e atender ás súas necesidades, potencialidades e expectativas, especialmente coas persoas en situación de vulnerabilidade.
- A nosa acción baséase, entre outros, nos principios de respecto aos dereitos humanos, da xustiza social e da profesionalidade, baixo as pautas dun código deontolóxico.
- Temos presenza na administración pública (servizos sociais), no terceiro sector, e tamén na iniciativa privada.
- Temos coñecementos e capacitación para a investigación de contextos; deseño, implementación, e avaliación de proxectos e programas, e xestión e dirección de institucións e recursos.
Somos profesionais da acción social e educativa comprometidas/os coa transmisión cultural, a mediación social e a xeración de contextos e redes educativas e sociais, que a través de procesos socioeducativos traballamos para mellorar a calidade de vida de todas as persoas da comunidade.
O recoñecemento académico desta profesión produciuse no ano 1991, mais nese momento xa tiña percorrido un longo camiño como profesión.
A práctica profesional da Educación Social ten como base os DOCUMENTOS PROFESIONALIZADORES, que recollen a definición, o catálogo de funcións e competencias e o código deontolóxico desta profesión.