Educación social
A titulación
O título universitario de Educación Social creouse a través do Real Decreto 1420/1991, comezando a impartirse dende o curso seguinte nalgunhas universidades. No sistema universitario galego implantouse como diplomatura a partir do ano 1994. Coa modificación do sistema universitario, os estudos de Educación Social pasaron de ser diplomatura a ser título de grao.
Actualmente en Galicia pódese cursar o Grao de Educación Social nas seguintes Universidades.
Universidade de Santiago de Compostela (Campus Vida)
Universidade da Coruña (Campus Elviña)
Universidade de Vigo (Campus Ourense)
O nacemento do título académico universitario de Educación Social deu resposta á necesidade de formación específica en ámbitos de educación especializada, definindo así un perfil profesional que ata entón viñan desenvolvendo outras/os profesionais de disciplinas afíns. Estas e estes profesionais (educadoras/es especializadas/os, educadoras/es de persoas adultas, educadoras/es de menores, etc.) foron os que deron corpo e contido á profesión antes de existir a titulación universitaria, e recoñeceuse o seu dereito a seguir exercendo a profesión a través da habilitación profesional como educadoras/es sociais, tras a creación do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
A día de hoxe, a habilitación profesional segue sendo válida a efectos profesionais (non ten efectos académicos), de xeito que as persoas habilitadas como educadoras sociais poden acceder ao emprego como tales no ámbito privado ou naquelas convocatorias de emprego público nas que se admita a súa condición.
O proceso de habilitación tivo unha duración en Galicia de un ano e medio, e xa está pechado.