Nova CEESG
Despois dun ano da participación na organización das Xornadas de Renda Básica, o Ceesg únese a outros colectivos para reivindicar unha Renda Básica XA!
Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!
Confinadas e empobrecidas estamos por mor dun virus. A moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección. Por iso o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos, mortes…
Hai uns meses colectivos e asociacións do país reclamabamos facer da “RISGA UN VERDADEIRO DEREITO” para nos protexer da pegada do empobrecemento. Agora, á vista da continuidade das ineficaces e miserentas políticas sociais e da crise provocada polo coronavirus, esiximos RENDA BÁSICA, XA!
Malia os anuncios de medidas por parte do goberno central, polo momento non hai INGRESO MÍNIMO VITAL e descoñecemos o detalle da súa cobertura. Mais do que imos sabendo semella que vai beber das mesmas fontes que as políticas de rendas mínimas.
Cómpre implantar unha RENDA BÁSICA e desbotar medidas como a RISGA que cunhas contías miserentas, cun taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia, que se traduce en obstáculos e atrasos, non serve para cubrir necesidades básicas. A RISGA non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise do COVID19, nin moito menos cara o futuro que entrevemos. Mais ben ofrece xestionar a miseria, ao igual que as medidas que propoñen.
Esiximos superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios. Hai uns meses Philip Alston, relator sobre extrema pobreza e dereitos humanos da ONU, visitou o Estado Español e denunciou o pantano burocrático para acceder a unha prestación.
Por isto urxen medidas transformadoras como a Renda Básica que permita unhas mínimas condicións materiais para garantir unha vida digna, desde as cales conquistar colectivamente outros dereitos.
A vida digna como dereito non se negocia nin pode agardar!
Abril 2020
Asinan:
Foro Galego de Inmigración, Oficina Dereitos Sociais de Coia, Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galicia, ONGD Viraventos, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Asociación Fuco Buxán, Vangarda Obreira da Coruña.
A RISGA non serve por:
1) contía miserenta: importe medio de 439 € en 2019.
2) camiño de obstáculos burocráticos: 4 meses de media para tramitala, nas grandes vilas, como Vigo, as esperas poden chegar aos 9 meses.
3) escasa cobertura: algo máis de 10.000 persoas cobran a RISGA en 2020, fronte as 470.000 que se atopan en situación de exclusión social, das cales 226.946 persoas malviven en situación de exclusión severa segundo Cáritas.
4) prestación por unidade de convivencia: que implica unha morea de atrancos se compartes vivenda con persoas que teñen ingresos ou con familiares que reciben axudas.
Fronte a isto esiximos un novo dereito, a RENDA BÁSICA:
- suficiente: cunha contía que permita vivir cuns mínimos de dignidade, nunca por baixo do limiar da pobreza.
- universal: dereito a unha renda individual para todas as persoas.
- incondicional: sen contraprestacións e ao marxe das circunstancias de cada quen.
- a renda básica permitiríanos ter unhas mínimas condicións materiais para a conquista colectiva de máis dereitos.

Quizais che interese
Outras novas

Está dispoñible o novo número da Revista RES, Revista de Educación Social: Número 36. Monográfico: Retos de la Educación Social en los próximos años.
ENLACE AO NÚMERO 36 DA REVISTA RES
ENLACE Á EDICIÓN EN PDF
“Este é un número de transición no que equipo que ata o de agora levou a edición maquetación, xestión, etc. da revista pasa a substitución e despídese de todas vós e todos vós.
En canto a contidos, achégase unha prospección dos retos da profesión e da Educación Social nos próximos anos, que realizaron Lourdes Menacho e Norma Gozálvez, que poderá actuar como referente da reflexión colectiva.
Na sección de miscelánea, atoparedes achegas moi interesantes nas que se nos achegan investigacións, reflexiones etc., sobre temas como participación e diversidade, unha revisión sobre como se contempla a cidadanía en libros de texto, a afectación da COVID19 en recursos de educación social, o traballo do duelo e a potenciación da autoestima, a necesaria presenza das educadoras e educadores sociais nos equipos de orientación do sistema escolar-educativo, redes e construción de identidade en mozas que viven en centros, dimensión ambiental e cultura de paz, teatro social e participación, a influencia da pandemia nas prácticas da docentes universitarios, a importancia dos rituais en xustiza xuvenil, unha comparativa entre as Misións Pedagóxicas e a Educación de rúa, en Zamora, o traballo en rede en equipos de infancia e adolescencia en risco social, etc…
E todo acompañado de interesantes recensións e noticias de actualidade.
Lectura para o verán e para coñecer e reflexionar sobre outras experiencias e miradas”.

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:
- Téc. Orientación mulleres
- Responsable departamento orientación
- Animador/a sociocultural
- Educador/a social
- Educador/a social
- Auxiliar educativa/o
- Educador/a social
- Axente de Emprego e Desenvolvemento Local
- Monitores/as de tempo libre
- Animador/a sociocultural
- T. de educación familiar
- Animador/a sociocultural
- Educador/a social
- T. educador/a de intervención familiar
- Auxiliar educador/a
- Educador/a social
- T. de orientación laboral
- T. animación sociocultural
- Axente de emprego e desenvolvemento local
- Docente universidade
- Axente de emprego e desenvolvemento local
- Educador/a familiar - pedagogo
- Animador/a cultural coordinador/a
- Docente atención tecnolóxica
- T. dinamización cultural
- Orientador/a laboral
- Orientador/a laboral
- T. de orientación laboral
- Educador/a social
- Educador/a social
Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

O Consejo General de Colegios de Educación Social e o Ceesg, xunto con colexios doutros territorios, iniciamos o reto de facer unha revisión e posible actualización do Código Deontolóxico da nosa profesión.
Convidámoste a que dediques uns minutos disfutar dos vídeos que está facendo o GHEE-CEESPV para coñecer os principios deontolóxicos xerais. O código deontolóxico é de gran relevancia para a praxe profesional, e con estes vídeos queremos animar á reflexión sobre o texto actual
Se tes interese en ter máis información, ou enviarnos achegas e propostas, ponte en contacto connosco a través de etica@ceesg.gal.
Proximamente iremos compartindo outros vídeos