Publicacións do IV Congreso Internacional de Acción Socioeducativa
Publicacións do IV Congreso Internacional de Acción Socioeducativa

O comité de organización e científico do IV Congreso Internacional de Acción Socioeducativa (CIASE), vén de publicar coa editorial Pirámide e en versión dixital o libro, ‘Xustiza social, xénero e intervención socioeducativa’, en dous volumes, froito dun inxente e rigoroso traballo en equipo, do que formou parte a presidenta do CGCEES.

Volume I. Medio penal e contextos delituosos (ISBN dixital: 978-84-368-4450-4). DESCARGAR

  • Parte I: Fundamentos socioeducativos, xénero e actualidade penal.
  • Parte II: Menores en conflito e mozos no medio penal.
  • Parte III: Intervención socioeducativa penal.
  • Parte IV: Educación en prisión.
  • Parte V: Reinserción e acompañamento penal.

Volume II: Actualidade e intervención socioeducativa en distintos contextos. (ISBN dixital: 978-84-368-4629-4). DESCARGAR

  • Parte I: Convivencia, xustiza e dereitos humanos.
  • Parte II: Menores e mozos vulnerables.
  • Parte III: Educación e sociedade.
  • Parte IV: Familia, xénero e prevención da violencia.
  • Parte V: Diversidade, inclusión e intervención educativa.

Neste Congreso participou o Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais (CGCEES) e o Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Andalucía (CoPESA).

I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social
I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social

Os días 15 e 16 de setembro de 2022 desenvolverase, en formato en liña, o I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social, co tema: “Retos e contribucións dos grupos e redes de investigación e acción profesional”

Esta actividade está organizada pola Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS), o Departamento de Educación e Psicoloxía Social (Universidade Pablo de Olavide) e o Grupo de Investigación en Acción Socioeducativa (GIAS)
O Seminario ten como principais persoas destinatarias aquelas persoas con interese en coñecer a estrutura organizativa e as liñas de actuación promovidas polos Grupos de Investigación e as Redes de Grupos de Investigación e da Acción Profesional, vinculadas á Pedagoxía Social e Educación Social desde distintas perspectivas.

As persoas interesadas en asistir en liña a este seminario deberán realizar a súa inscrición gratuíta ata o 14 de setembro, como data límite, a través do formulario de inscricións, facendo constar todos os datos solicitados.

Os temas principais son:

  • A ciencia que transforma. Claves desde a Pedagoxía Social e a Educación Social.
  • Avances científicos en Pedagoxía Social-Educación Social: achegas desde a investigación e a acción. (Contará coa participación de Lourdes Menacho Vega. Presidenta Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais -CGCEES-).
  • Redes de grupos de investigación e de acción profesional: co-construción da ciencia desde a Pedagoxía Social e a Educación Social. (Contará coa participación de Carlos Sánchez-Valverde Visús. Coordinador Revista RES, membro -CEESC-)
  • Visibilidade e transferencia do coñecemento social en Pedagoxía Social- Educación Social. (Contará coa participación de Alberto Fernández de Sanmamed Santos. Membro do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia -CEESG-)

Podes ver toda a información e o programa detallado na Web do Seminario.

Ir á web do Seminario.

Reclamación sobre a contratación de persoal educativo no centro Concepción Arenal
Reclamación sobre a contratación de persoal educativo no centro Concepción Arenal

O pasado 23 de xuño publicouse no DOG a resolución da Consellería de Política Social e Xuventude convocando o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación Concepción Arenal.

En dita resolución, indícase a respecto dos requisitos do persoal educador o seguinte: “Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función”.

Dende o Ceesg enviamos unha solicitude á Consellería solicitando a modificación da resolución para que se respecte o establedico no IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, convenio marco do sector, que establece que ‘Educador/a’ é unha categoría a extinguir, e calquera nova contratación deste tipo de persoal debe facerse na categoría ‘Educador/a social’. Ademais, recordamos que Educación Social é unha profesión titulada, e polo tanto para o seu exercicio debe contarse coa titulación universitaria de Educación Social ou habilitación profesional recoñecida por colexio profesional oficial.

Trátase non só de evitar o exercicio fraudulento da profesión, senón tamén, e sobre todo, de velar por unha atención adecuada e profesionalizada ás persoas destinatarias da acción socioeducativa.

Convivencia interuniversitaria e profesional da Educación Social #XURÉS2022
Convivencia interuniversitaria e profesional da Educación Social #XURÉS2022

Coa Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social na Serra do Xurés preténdense crear redes entre profesionais, alumnado e profesorado de Educación Social de Galicia, Asturias e Portugal.
Queremos crear un evento que sirva de punto de encontro e que permita dar visibilidade.
A elección dun núcleo de alta montaña para este fin aséntase na idea de achegar ao alumnado universitario os valores sociais, etnográficos, naturais e culturais do rural raiano do sur de Ourense.
A elección da data tampouco é casualidade, pois este encontro servirá como conmemoración do Día Internacional da Educación Social, que se celebra cada ano o día 2 de outubro.

A convivencia contará cun intenso programa de actividades que inclúen:

  • Conferencias de especialistas en acción socioeducativa.
  • Experiencias de aprendizaxe comunitaria.
  • Feira de organizacións de educación social
  • Actividades culturais e lúdicas de convivencia.
  • Espazos interxeracionais de coñecemento da etnografía y dos valores sociais propios da comunidade rural.
  • Rutas para o descubrimento da riqueza natural da Serra do Xurés.

Non perdas a oportunidade de pasar dous días de creación de redes, de intercambio de coñecementos e tamén de lecer e esparcemento nun marco natural inmellorable.

Para coñecer todos os detalles e o programa provisional visita a páxina da convivencia.

Novo número da revista RES. A Educación Social acompañando as infancias
Novo número da revista RES. A Educación Social acompañando as infancias

Está dispoñible o novo número da Revista RES, Revista de Educación Social: Número 34. Monográfico: La Educación Social acompañando a las infancias

Enlace ao número

Enlace á edición en pdf

A Educación Social, nas súas diferentes configuracións (educación especializada, de adultos, animación comunitaria, sociocultural, popular…) e nas diferentes nomenclaturas históricas que asumiron os seus profesionais (vixiantes, coidadores e coidadoras, veladores e veladoras, celadores e celadoras, monitores e monitoras, educadores e educadoras, animadores e animadoras…), estivo sempre ligada ao acompañamento do momento biográfico e social que engloba a infancia. E aínda hoxe en día, un elevado número de educadoras e educadores sociais desempeñan o seu encargo profesional coa infancia. Inicialmente, en termos históricos, esta dedicación empezou en espazos institucionais dificilmente identificables como de recoñecemento e respecto (protección e corrección da infancia, sobre todo durante o franquismo no noso país), ampliando despois perfís de acompañamento socioeducativo desde o traballo comunitario, o tempo libre, a saúde, a cooperación internacional, os colectivos de persoas recentemente chegadas, a diversidade funcional, a colaboración coa escola (centros abertos) e ata, ultimamente, dentro da escola mesma, etc. cubrindo un corolario de infancias cada vez máis amplo.
O momento actual expón toda unha serie de retos derivados do cambio de época que nos está tocando vivir, coas dificultades de adaptación a unha realidade na que a transmisión é cada vez menos interxeracional (cuestionando así o lugar da educación) e máis entre iguais. O lugar da infancia, neste panorama, é central. As novas tecnoloxías, e sobre todo a comunicación instantánea que internet e a redes sociais posibilitan, están relacionadas con iso. E cunha difuminación das certezas que perden valor e substitúense pola emoción e a percepción individual, nunha carreira na que a “non verdade” e as “fakes” (a mentira) dominan un escenario onde a liberdade deveu un acto puramente individual, sen referentes nin contrapesos éticos nin sociais.
Os retos da nosa acción coas infancias, como educadoras e educadores sociais, pasan agora polo desenvolvemento de modelos e sistemas que contemplen esta etapa como unha máis da cidadanía e que estean baseados integralmente en dereitos e non en posicións tutelarizadoras ou paternalistas dos adultos.

Novas ofertas de emprego
Novas ofertas de emprego

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:

  • T. intervención e reforzo escolar
  • T. intervención e reforzo escolar
  • T. persoas maiores
  • Educador/a social
  • Prospector/a laboral
  • Educador/a social - bolsa
  • Monitor/a de educación e tempo libre

Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.