ACTUALIDADE
O número 33 de RES, Revista de Educación Social, será un monográfico co título ‘La Educación Social acompañando a las infancias’.
Se tes algo que compartir sobre este tema, podes enviar un artigo para valorar a súa publicación, antes do 15 de abril de 2022. Tamén se poden enviar propostas para a sección de miscelánea, na que se recollen outros artigos sobre temas interesantes, así como ás seccións de actualidade e reseñas.
Información detallada sobre o número (ao final da páxina están os enlaces ás orientacións para colaboradoras/es, autorización de artigos, criterios de publciación…)
Compartimos esta sentenza que se pronuncia sobre unha das situacións nos que a Consellería de Política Social solicitou a devolución da Risga ás persoas que cobraron simultaneamente o Ingreso Mínimo Vital.
En maio do 2021, a Consellería comezou a reclamar dita devolución, por suposto “cobro indebido”, consecuencia nada máis que da falta de coordinación entre a administración autonómica e a estatal.
Entendemos que esta práctica atenta contra os dereitos sociais de persoas en situación de vulnerabilidade e por ese motivo dende o Ceesg solicitamos á Consellería que revertese a decisión, e esta asegurou que rectificaría.
Algunhas situacións están rematando nos xulgados, como este exemplo, no que a xustiza recoñece o dereito a compensar a débeda.
Dende o Ceesg incidimos no desenvolvemento de políticas sociais que garantan o sistema de protección social, a carón da cidadanía, para salvagardar o seu benestar e dignidade.
O Ceesg vén de presentar un recurso de reposición contra as bases do Concello de Arzúa para a formación dunha bolsa de emprego de funcionarios/as interinos/as para a execución do programa emprego educación familiar do Concello de Arzúa.
Solicitamos a rectificación das bases, publicadas no BOP da Coruña do 24/ de febreiro de 2022, para a admisión de educadoras/es sociais, por ser a titulación máis axeitada para proveer este posto.
A Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, naceu das necesidades dun grupo de familias que teñen adquirido un compromiso na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que están no sistema de protección público. Un ámbito no que sen ningunha dúbida, a profesión de Educación Social ten un papel moi relevante.
O Ceesg e Acougo compartimos a importancia da sensibilización para a transformación e mellora social sobre o acollemento familiar e/ou residencial, así como da protección dos dereitos da infancia no sistema de protección, das familias de orixe e das familias de acollida. Sendo así, vimos de asinar un compromiso de colaboración para o desenvolvemento de programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores, especialmente da medida específica de acollemento familiar.
Froito deste acordo esperamos anunciar nas próximas semanas unha formación que nos presente as claves da intervención nas diferentes etapas dos procesos de acollemento familiar, así como ferramentas e estratexias para a intervención en diferentes situacións.
Sobre o acollemento familiar
A medida de acollemento familiar supón dar ás e aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén e sen romper, na medida que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica.
Como profesionais debemos ter sempre como referencia o interese superior da infancia, acompañar a familias acolledoras, familias de orixe, e as propias nenas, nenos e adolescentes, para favorecer o seu desenvolvemento persoal e emocional de xeito óptimo.
Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:
- Educador/a social
- Técnica/o de emprego
- Educador/a familiar
- Educador/a social
- Técnica/o de formación
- Orientador/a e prospector/a de emprego
- Educador/a social
- Educador/a social
Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.
No marco dunha investigación acerca da posible aprobación dunha lei estatal de servizos sociais, na que se valora como especialmente significativa a participación de profesionais da educación social, solicítannos a difusión entre colexiadas e colexiados dun cuestionario a través do cal achegar a vosa opinión ao respecto.
Con este cuestionario preténdense identificar cuestións fundamentais, tanto no proceso de aprobación desa Lei, como no relativo ao contido da mesma.
Como sempre, animamos a achegar o punto de vista dende a nosa profesión, contribuíndo así á construcción de coñecemento en áreas que son da nosa competencia, así como a facer visible a profesión nas propias investigacións.
Moitas grazas pola colaboración.