Medidas en materia de recursos humanos nos servizos sociais antea crise COVID-19

O pasado sábado 28/03/2020 publicouse no BOE a Orde SND/295/2020, de 26 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos no ámbito dos servizos sociais ante a situación de crise ocasionada polo COVID-19.

Esta norma contempla unha serie de medidas dirixidas a protexer o benestar, a saúde e seguridade da cidadanía e a contención da progresión da enfermidade.

Debido á situación crítica dos colectivos destinatarios dos servizos sociais, que precisan dunha atención ineludible e inaprazable, e ante a grave situación de falta de persoal que se está producindo nos centros e entidades públicos e privados acreditados que provén de tales servizos sociais esenciais, faise preciso adoptar unha serie de medidas en relación cos recursos humanos deste sector que garantan a adecuada e debida asistencia dos sinalados colectivos.

Esta Orde establece medidas especiais en materia de recursos humanos para a garantía do correcto funcionamento do sistema de servizos sociais no seu conxunto e a continuidade dos mesmos, en desenvolvemento e aplicación do previsto no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma.

  • É de aplicación a todos os centros e entidades que presten calquera dos servizos contidos no Catálogo de Referencia aprobado por Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do SAAD o 16 de xaneiro de 2013, con independencia da súa titularidade, así como aos seus traballadores e traballadoras calquera que sexa a natureza da súa relación contractual ou administrativa. Os centros e entidades de titularidade privada terán a consideración de operadores de servizos esenciais.
  • O Imserso e as comunidades autónomas –nos seus respectivos ámbitos de competencia en materia de servizos sociais- poderán adoptar as medidas necesarias para a protección das persoas, bens e lugares, podendo impoñer ás traballadoras e traballadores a prestación de servizos extraordinarios, xa sexa en razón da súa duración ou da súa natureza.
  • As medidas que se adopten deberán contribuír á correcta prestación dos servizos sociais obxecto desta orde e utilizar de maneira racional os recursos humanos dispoñibles, debendo atender aos principios de necesidade e proporcionalidade. As medidas non serán de aplicación ás mulleres embarazadas.
  • O persoal contará con acreditación expedida pola súa entidade ou empresa para que lle sexan de aplicación os supostos de circulación pola vía pública.
  • As medidas poderán dirixirse á encomenda de funcións distintas ao posto de traballo, categoría ou especialidade, se ben preferentemente serán similares ou análogas ás que viñan desempeñando e tendo en conta a capacitación profesional. Tamén poderán adoptarse medidas de redistribución de efectivos e cambios de centro de traballo sempre que non comporten mobilidade xeográfica do traballador ou traballadora.
  • Todo o persoal de servizos sociais, independentemente de que xa estea prestando servizos na modalidade de teletraballo ou outras, deberá estar dispoñible para ser requirido en calquera momento para a prestación de tarefas presenciais, con excepción daquelas persoas que se atopen en situación de illamento domiciliario por COVID-19. O anterior tamén afecta ao persoal administrativo mínimo imprescindible para o desenvolvemento dos servizos.
  • Poderán adoptase as medidas que se consideren precisas en materia de xornada de traballo e descanso, permisos, licenzas e vacacións e reducións de xornada.

Medidas excepcionais para a contratación ou reincorporación de persoal:

  • É de inmediata aplicación o Acordo do 20 de marzo de 2020 do Consello Territorial de Servizos Sociais e do SAAD, polo que se modifican temporalmente os criterios comúns de acreditación para garantir a calidade dos centros e servizos do SAAD.
  • Autorízase, previa valoración pola autoridade competente da oportunidade da medida e da idoneidade do traballador, á contratación temporal, a xornada parcial ou completa, de persoal que se atope cursando o último ano dos estudos requiridos para a prestación dos correspondentes servizos nos distintos ámbitos do sector dos Servizos Sociais e do SAAD e que, en consecuencia, non teña o preceptivo título académico ou da habilitación profesional correspondente.
  • O persoal con dispensa absoluta de asistencia ao posto de traballo por exercicio de funcións sindicais deberá reincorporarse de forma temporal para desempeñar as súas funcións en atención á situación xerada polo COVID-19. A reincorporación destas/es traballadoras/es non suporá o cesamento do persoal substituto que puidese existir.

Esta orde terá efectos dende o mesmo día da súa publicación no BOE (28/03/20) e ata a finalización do estado de alarma e as súas posibles prorrogas.

COMPROMISO E IMPLICACIÓN PROFESIONAL

Os servizos sociais esenciais que seguen prestándose durante o estado de alarma están en relación cos dereitos e intereses do colectivos sociais máis vulnerables, cos que dende a Educación Social debemos implicarnos como profesionais ao servizo da cidadanía.

Recordamos o principio de coherencia institucional, recollido no Código Deontolóxico da Educadora e o Educador Social, que establece que o/a educador/a social coñecerá e respectará a demanda, o proxecto educativo e regulamento de réxime interno da institución onde traballa.

Así mesmo, son salientables os seguintes artigos:

  • Artigo 22. Coñecerá e respectará os principios ideolóxicos, compartirá o proxecto educativo e será consecuente coas normas existentes na institución onde realiza o seu traballo profesional.
  • Artigo 24. Na súa práctica profesional, colaborará cos distintos servizos existentes na comunidade vinculando as institucións co fin da optimización dos recursos e da mellora da oferta dos servizos socioeducativos.

A actual situación supón un reto que non é doado de abordar para entidades, centros e profesionais, e debemos afrontalo coa maior profesionalidade, compromiso e vocación de servizo.

Ver código deontolóxico

Educación social con persoas maiores en tempos de coronavirus.
Educación social con persoas maiores en tempos de coronavirus.

Comunicado do Grupo de Estudos e Intervencións Xeragóxicas do Ceesg:

No devir dos últimos días, sexa cal sexa a fonte de información, as persoas maiores sitúanse baixo o foco. Isto débese a que é este o colectivo máis vulnerable e afectado polas consecuencias do coronavirus. Arrastrando, consigo, unha triste e desoladora realidade na que debemos centrar todos os nosos esforzos e por suposto, tamén, os nosos recursos.

A Educación Social galega, como non podería ser doutro xeito, súmase ao recoñecemento de todas aquelas e aqueles profesionais que, por mor da súa responsabilidade laboral, non poden quedar na casa e saen día tras día a desempeñar as tarefas que lle corresponden, coidando así daqueles/as que no seu momento xa coidaron de nós.

Dende o GEIX, somos conscientes da realidade que están a vivir as persoas maiores nestes momentos e queremos trasladar, tanto ás profesionais como usuarias, o noso máis sincero apoio nestes momentos que nos está tocando vivir. A desatención por falta de recursos, a urxencia de respectar protocolos pouco viables, a necesidade de ofrecer ás familias unha atención de calidade ás súas demandas… Son algunhas das situacións que nos xeran, día tras día, angustia e desesperación.

Para todas e todos: moita forza.

Podemos dicir, de xeito concreto, que a terceira idade en contexto institucional, é un colectivo, se cabe, aínda máis especial. Convivir cun grupo de iguais nun centro ou residencia, acostumarte ao desenvolvemento de certas rutinas diarias, ser atendido/a por profesionais altamente formados/as e de confianza, a proximidade, a calidez… o bo trato e a atención centrada nas persoas é algo que estamos vendo alterado hoxe en día.

Neste senso, dende o GEIX, condenamos calquera situación que dificulte ou impida o pleno desenvolvemento das funcións de Educadores e Educadoras Sociais, así coma o resto de profesionais sociosanitarias, no ámbito de Persoas Maiores con garantías de calidade.

É o momento de devolver aos nosos/nosas maiores todo canto nos aportan e aportaron no seu día. E tempo de estar á altura, de traballar xuntos/as e esixir melloras, de garantir uns coidados de calidade. É tempo de seguir na loita. É tempo de Educación Social.

Descargar en pdf

Comunicado reclamando maior atención a servizos residenciais de protección á infanciaante o risco de colapso polo efecto do COVID-19
Comunicado reclamando maior atención a servizos residenciais de protección á infanciaante o risco de colapso polo efecto do COVID-19

Comunicado conxunto de colexios profesionais, sindicatos e entidades non lucrativas que xestionan fogares, residencias e centros de protección de menores, reclaman maior atención ante o risco de colapso polo efecto do COVID-19.

Ver comunicado

Campaña ‘La Educación Social es NECESARIA’
Campaña ‘La Educación Social es NECESARIA’

As e os profesionais da Educación social exercemos en condicións moitas veces precarias, alternando quendas, sen medidas de conciliación, entornos de perigosidade e toxicidade. Somos invisibles para as Administracións e sen embargo estamos sempre aí. Axudando a quen nos necesita.

Nestes días, o Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais pon en marcha unha campaña en redes sociais para facer máis visible a nosa profesión #LaEducaciónSocialesNECESARIA

Ver información das publicacións realizadas ata este momento

 Bolsa de emprego para o chamamento de colexiadas/os en situacións de emerxencia
Bolsa de emprego para o chamamento de colexiadas/os en situacións de emerxencia

O Ceesg, como corporación de dereito público con responsabilidade social, está ao servizo da sociedade galega no seu conxunto, e moi especialmente das persoas e colectivos cos que traballan as educadoras e educadores sociais.

Ante os acontecementos actuais, para afrontar a situación social e sanitaria producida polo COVID-19 e o estado de alarma aprobado polo Consello de Ministros, RD 463/2020, de 14 de marzo, e o seu impacto na vida das persoas, desde o Ceesg, vémonos na obriga, máis que nunca, como profesionais da Educación Social de actuar desde o compromiso e de acordo cos principios deontolóxicos da profesión.

Son moitas as educadoras e educadores sociais que seguen atendendo e intervindo acompañando á cidadanía nos Centros de maiores, centros de día, centros de infancia, adolescencia e xuventude, fogares de crianzas baixo tutela, espazos de igualdade e atención da violencia de xénero, centros de rehabilitación psicosocial, Centros de atención a drogodependencias, centros socioeducativos de atención a persoas con diversidade funcional, etc.

Desde o Ceesg queremos agradecer o seu traballo e, ao mesmo tempo, comunicamos que imos poñer en marcha, con carácter urxente, unha bolsa de emprego para atender de xeito adecuado calquera posible demanda urxente de profesionais por parte das entidades que seguen a traballar coa cidadanía. Deste xeito, contribuímos a dar resposta ás necesidades sociais de forma xusta, digna, profesional e de calidade.

As persoas colexiadas que queiran formar parte desta bolsa, deben enviar o formulario acompañado do currículo plenamente actualizado a servizos.colexiais@ceesg.gal.
A bolsa queda aberta de xeito permanente mentres que, a criterio do Ceesg, se considere que pode existir demanda deste servizo por mor da emerxencia sanitaria. No caso de que algunha entidade o solicite, facilitaránselle os datos recabados ata o momento en que esta formule a solicitude.

Descargar formulario (acompañar do CV)

Lembra que:

  • Estamos ante un asunto de responsabilidade individual e colectiva baseado no interese xeral que todas e todos debemos asumir.
  • As/os profesionais deben achegar os seus coñecementos, competencias e habilidades para afrontar o curso desta pandemia, optimizando os recursos, medios e actuacións con criterios profesionais que deberán ser aplicados no marco das normas, os protocolos e a deontoloxía profesional.
  • Máis que nunca debemos pensar nos demais e coidar de nós mesmas e das persoas ao noso arredor, atendendo ás pautas dadas polas e polos profesionais e ao respecto cara os demais, dado que canto fagamos nestas circunstancias repercutirá no conxunto da cidadanía.
 I Premios Valedora do Pobo a TFG e TFM en materia de igualdade e dereitos das mulleres
I Premios Valedora do Pobo a TFG e TFM en materia de igualdade e dereitos das mulleres

A Valedoría do Pobo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, convoca a primeira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao(TGF) e traballos fin de máster(TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Os traballos presentados deben terse realizado nos cursos académicos 2016-2020, ser orixinais e non ter sido publicados nin premiados premiamente.

Máis información