ACTUALIDADE
Hai só uns días deuse a coñecer o programa do VIII Congreso Estatal de Educación social, sabendo xa a estrutura das sesión e os nomes da maior parte das e dos relatoras/es que participarán.
O programa está agrupado en dous grandes eixes: ‘A dignidade das persoas e as/os profesionais e o dereito á educación social’ e ‘A acción socioeducativa como acción transformadora’.
Personalidades relevantes do ámbito social, do eido académico universitario, provenientes de todo o estado intervirán nos diferentes espazos creados para o intercambio entre profesionais, a difusión de boas prácticas e a comunicación de experiencias innovadoras. Espazos para a lecer e o turismo completa o conxunto de actividades que terán lugar en Zaragoza do 16 ao 18 de abril.
Toda a información actualizada do Congreso está dispoñible na web www.congresoeducaciónsocial.org e nas súas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram).
Ademáis, tamén se amplicou o prazo para a presentación de contribucións ao Congreso.
Iniciamos a campaña ‘Vístete co nome completo’ para facer visible a protesta pola convocatoria de ‘Educadoras/es’ da Xunta de Galicia.
En que consiste?
Sácate unha foto coa camiseta ou coa chapa. Súbea ás túas redes etiquetando á Xunta de Galicia e ao Ceesg, incluíndo o hasgtag #SomosEducaciónSocial
Se queres facerte con unha camiseta, podes reservala escribíndonos a administracion@ceesg.org e enviarémoscha por correo postal.
Para evitar excesivos gastos, faise o envío contra reembolso do importe do envío, que é de algo menos de 9 euros para o envío dunha camiseta. Se o prefires, tamén podes achegarte a recollela gratuitamente á sede do Ceesg ou pedirnos o deseño para encargar ti mesma/o unha camiseta na túa localidade.
Dispoñible en tallas S-M-L-XL
Unidades limitadas!
Só se entregarán camisetas a persoas colexiadas ou amigas do Ceesg.
Esperamos a túa foto!
Entérate de todas as novidades e avances do VIII Congreso Estatal de Educación Social a través do seu canal de Telegram.
Durante o desempeño das nosas actividades como profesionais da Educación Social estamos expostas/os a causar algún tipo de dano, xa sexa nas persoas coas que traballamos ou nos seus bens, o que constitúe unha ameaza para o noso patrimonio e ingreso. Para estas situacións debemos contar cun seguro de responsabilidade civil. Así, o obxecto do seguro é trasladar á compañía aseguradora o custo de defensa e no seu caso, da cantidade á que se nos condene por calquera demanda da que sexamos obxecto, relacionada cun dano real ou presunto sufrido por un terceiro.
O Colexio ofrece un Seguro de Responsabilidade Civil Profesional, cuberto pola compañía Lloyd’s.
A subscrición do seguro non ten carácter obrigatorio para todas/os as/os colexiadas/os, senón que será de subscrición voluntaria para as persoas que o soliciten por escrito.
O custo de subscrición do seguro para o ano 2020 é de 4,50 € anuais, e pode contratarse en calquera momento do ano.
A Xunta de Galicia abre un novo procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral.
Cualificacións que se convocan:
- Docencia da formación para o emprego
- Atención sociosanitaria a persoas no domicilio
- Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
- Socorrismo en espazos acuáticos naturais
- Socorrismo en instalacións acuáticas
- Servizos para o control de pragas
- Xestión de servizos para o control de organismos nocivos
- Extinción de incendios e salvamento
- Operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural
- Instrución en ioga
- Vixilancia e seguridade privada
- Confección e mantemento de artes e aparellos
Prazo de inscrición ata o 27 de decembro de 2019.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia leva meses reclamando ante a Xunta de Galicia o recoñecemento e dignificación da profesión de Educación Social a través da Lei de emprego público e da convocatoria de postos da especialidade ‘Educadores/as’. Está en xogo con isto non só os intereses laborais das/os profesionais desta disciplina senón algo moito máis importante: a calidade dos servizos socioeducativos que se ofrecen dende a administración pública.
O pasado 6 de novembro publicouse no DOG a convocatoria da especialidade ‘Educadoras/es’, desoíndo as peticións deste colexio profesional dirixidas á Dirección Xeral de Función Pública, Consellería de Política Social e organizacións sindicais.
Onte, 14 de novembro, o Parlamento de Galicia debateuse na Comisión 5ª (Sanidade, Política Social e Emprego) unha proposición non de lei para promover unha Lei do Dereito á Educación Social e para instar á Xunta de Galicia a promover o cambio normativo no sentido de posibilitar que nas ofertas públicas de emprego se substitúa o posto de ‘educador/a’ polo de ‘educador/a social’ e que nas convocatorias poidan acceder en exclusiva profesionais da Educación Social.
O Ceesg agradece o apoio do grupo parlamentario que presentou a iniciativa (PSdeG), así como aos que votaron favorablemente (BNG e Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto) e lamenta que finalmente non se aprobase polo voto en contra do grupo parlamentar maioritario (PP)
Tendo en conta que nos encontramos ante servizos públicos que en moitos casos atenden a persoas en situación de vulnerabilidade, cobra aínda máis importancia garantir que ditos servizos sexan prestados por profesionais acreditadas/os, especialmente se recordamos que na nosa comunidade existe unha titulación universitaria, a de Educación Social, implantada dende mediados dos anos 90. Tanto a Lei de Emprego Público como a convocatoria de ‘educadoras/es’ desprezan a actual normativa universitaria de formación de graduados e graduadas, avaladas por Memorias de impartición dos títulos, que foron avaliadas polas axencias de calidade tanto estatais como galegas, non só na súa verificación inicial senón en sucesivos procesos de seguimento, acreditación e certificación.
O Ceesg volveu solicitar xuntanza de novo con todos os axentes implicados neste proceso, denuncia publicamente esta situación e anuncia que impugnará o proceso selectivo e novas accións de protesta. Tamén recorda que ten aberta unha petición pública que calquera persoa pode asinar para amosar o apoio (enlace)