ACTUALIDADE

O Ceesg participa estes días nas xuntanzas organizadas polo proxecto europeo SERV. Trátase dun proxecto de atención ás vítimas de violencia de xénero e queren fomentar encontros multidisciplinares.
Contando xa con informes de análise da situación, agora están a desenvolver varios encontros centrados nos 4 eixos do proxecto SERV (entorno seguro, reforzar a cooperación e coordinación entre todas as profesionais de atención ás vítimas, mellorar as canles de comunicación e facilidade de acceso a axudas e indemnizacións ás que poidan recorrer).
Na xornada de onte participamos no encontro que levou por título ‘Mantener una comunicación eficaz con las víctimas y un entorno seguro para que éstas puedan denunciar los delitos’. Nos próximos días continuarán os encontros, que teñen aberta a posibilidade de inscrición:
Día 7/03/2022. De 16.30 a 18.30 h. (on line)
Mejorar el apoyo y la protección a las víctimas más vulnerables
Ir ao formulario de inscrición.
Día 9/03/2022. De 16.30 a 18.30 h. (on line)
Facilitar el acceso de las víctimas a las indemnizaciones
Ir ao formulario de inscrición.
Día 14/03/2022. De 16.30 a 18.30 h. (on line)
Reforzar la cooperación y la coordinación entre todos los actores relevantes
Ir ao formulario de inscrición.

Se queres a túa camiseta #EducaciónSocialFeminista pero non podes pasar a recollela polo Ceesg, estableceremos puntos de recollida en:
- A Coruña
- Lugo
- Ourense
- Vigo
Resérvaa antes deste xoves 3 de marzo para asegurar dispoñer das unidades necesarias nos puntos de recollida. Nos próximos días indicaremos a data e lugar de recollida ás persoas que fagades a compra.
Viste a túa camiseta nas concentracións convocadas polo 8M, fai unha foto, súbea a redes sociais co hashtag #Educacionsocialfeminista e etiquetando ao Ceesg, e compartirémola!
Vémonos nas rúas das vosas vilas e cidades para reivindicar e continuar a loita feminista!

Acción contra a fame organiza mañá unha Xornada informativa en liña sobre as casas do maior e as axudas da Xunta de Galicia para a súa creación.
Este encontro diríxese a todas aquelas persoas interesadas en emprender no rural dentro do sector de Atención sociosanitaria, atendendo ás persoas maiores nunha contorna familiar e próxima.
Na xornada amosarase en que consiste esta iniciativa, con que axudas conta e o seu encaixe na Economía Social mediante a creación de cooperativas de traballo asociado.
Inscricións en https://bit.ly/casasdomaior

O pasado sábado 19 de febreiro tivo lugar a Asemblea do Ceesg, así como as eleccións, que marcan o inicio dunha nova etapa no colexio.
As propostas levadas á asemblea foron aprobadas (acta da asemblea anterior, regulamento de réxime interno, memorias económica e de actividades, elección do método de auditoría da lexislatura que remata, orzamento e plans de traballo) e seguen estando dispoñibles para consulta na web do Ceesg.
No descanso, durante o cal se celebraron as eleccións á Xunta de Goberno, tivo lugar a presentación dos premios do 7º Concurso TFG.eduso, así como unha mesa redonda na que as nosas colexiadas e colexiados de honra nos falaron dos logros acadados e dos retos de futuro na nosa profesión. Nas nosas redes sociais podedes ver algunhas fotografías da xornada.
Grazas a todas as persoas que asistiron e participaron na Asemblea.

O pasado sábado 19 de febreiro celebráronse eleccións á Xunta de Goberno do Ceesg.
A acta da mesa electoral xa está colgada xunto co resto de documentación das eleccións. O resultado foi o seguinte:
Nº total de electoras/es: 1037
Nº de persoas que votaron: 66
Nº votos nulos: 7
Nº votos en branco: 2
Nº votos favorables: 56
Nº votos desfavorables:1
Sendo así, o resultado das eleccións resultou FAVORABLE á candidatura presentada.
As persoas que compoñen a nova Xunta de Goberno agradecen a confianza depositada no seu proxecto, reflectido no programa electoral.
Unha vez máis, agradecemos a participación nas eleccións e na asemblea.

Dende o Ceesg enviamos ao CGCEES as nosas achegas ao proxecto de Lei de Servizos Sociais, para que, como entidade representante da Educación Social a nivel estatal, as fagan chegar xunto as presentadas polos colexios de Educación social doutros territorios ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no proceso de consulta pública previa aberto por este.
O noso agradecemento a todas as persoas colexiadas que teñen trasladado as súas propostas e observacións para conformar este documento.
Convidamos a que fagades vosas estas achegas, enviándoas tamén neste proceso de consulta pública (poden facer chegar as súas opinións: cidadáns, organizacións, asociacións e demais entidades que así o consideren) Recordamos que o prazo para facelo é ata o día 10 de febreiro, ao email nuevaleyserviciossociales@mdsocialesa2030.gob.es.