Sorteo para a elección de censoras/es de Contas
Sorteo para a elección de censoras/es de Contas

Na asemblea xeral celebrada o pasado 19 de febreiro, aprobouse o método interno para a censura de contas da lexislatura de goberno 2018-2022. Isto implica que tres colexiadas/os escollidas por sorteo serán citadas/os na sede do colexio para a revisión presencial das contas, poñendo á súa disposición os libros contables e a facturación dos exercicios 2018 a 2021, facilitándoselle o asesoramento do persoal técnico, asesoría contable e Xunta de Goberno do Ceesg.

O sorteo público para a elección de censoras/es de contas terá lugar o mércores 30 de marzo ás 10:00 h. na sede do Ceesg.

Designaranse tres colexiadas/os censores/as e tres suplentes. O cargo de censor/a de contas é obrigatorio, salvo causa de forza maior acreditada, e incompatible co de membro da Xunta de Goberno (nin saínte nin entrante).

Mesa redonda sobre saúde mental
Mesa redonda sobre saúde mental

A Fundación Salma está a organizar estes meses varias mesas redondas en concellos de Galicia en torno á saúde mental.

Con elas pretenden facer participe a toda a sociedade nun diálogo sobre como mellorar, entre todas e todos, os nosos servizos e políticas públicas de saúde mental.
O vindeiro martes 29 de marzo terá lugar un destes encontros, co título ‘Retos para a mellora da saúde mental na poboación infantil e xuvenil de Galicia’ no que participará a vicepresidenta do Ceesg. Será en Santiago de Compostela, no salón de graos da Facultade de Dereito, ás 19:15 h.

A mesa rematará cunha quenda de conversa e de preguntas abertas ao público. Animamos á asistencia a este encontro e aos demais que están organizando na mesma liña.

A entrada é libre e gratuita ate completar o aforo.

Infórmate de seguintes mesas redondas no Facebook da Fundación Salma.

Próximo número da revista RES
Próximo número da revista RES

O número 33 de RES, Revista de Educación Social, será un monográfico co título ‘La Educación Social acompañando a las infancias’.

Se tes algo que compartir sobre este tema, podes enviar un artigo para valorar a súa publicación, antes do 15 de abril de 2022. Tamén se poden enviar propostas para a sección de miscelánea, na que se recollen outros artigos sobre temas interesantes, así como ás seccións de actualidade e reseñas.

Información detallada sobre o número (ao final da páxina están os enlaces ás orientacións para colaboradoras/es, autorización de artigos, criterios de publciación…)

Ir á web da revista

Sentenza sobre a devolución da Risga
Sentenza sobre a devolución da Risga

Compartimos esta sentenza que se pronuncia sobre unha das situacións nos que a Consellería de Política Social solicitou a devolución da Risga ás persoas que cobraron simultaneamente o Ingreso Mínimo Vital.

En maio do 2021, a Consellería comezou a reclamar dita devolución, por suposto “cobro indebido”, consecuencia nada máis que da falta de coordinación entre a administración autonómica e a estatal.

Entendemos que esta práctica atenta contra os dereitos sociais de persoas en situación de vulnerabilidade e por ese motivo dende o Ceesg solicitamos á Consellería que revertese a decisión, e esta asegurou que rectificaría.

Algunhas situacións están rematando nos xulgados, como este exemplo, no que a xustiza recoñece o dereito a compensar a débeda.

Dende o Ceesg incidimos no desenvolvemento de políticas sociais que garantan o sistema de protección social, a carón da cidadanía, para salvagardar o seu benestar e dignidade.

Recurso contra bases do concello de Arzúa
Recurso contra bases do concello de Arzúa

O Ceesg vén de presentar un recurso de reposición contra as bases do Concello de Arzúa para a formación dunha bolsa de emprego de funcionarios/as interinos/as para a execución do programa emprego educación familiar do Concello de Arzúa.

Solicitamos a rectificación das bases, publicadas no BOP da Coruña do 24/ de febreiro de 2022, para a admisión de educadoras/es sociais, por ser a titulación máis axeitada para proveer este posto.

Acordo de colaboración coa Asociación Acougo
Acordo de colaboración coa Asociación Acougo

A Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, naceu das necesidades dun grupo de familias que teñen adquirido un compromiso na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que están no sistema de protección público. Un ámbito no que sen ningunha dúbida, a profesión de Educación Social ten un papel moi relevante.

O Ceesg e Acougo compartimos a importancia da sensibilización para a transformación e mellora social sobre o acollemento familiar e/ou residencial, así como da protección dos dereitos da infancia no sistema de protección, das familias de orixe e das familias de acollida. Sendo así, vimos de asinar un compromiso de colaboración para o desenvolvemento de programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores, especialmente da medida específica de acollemento familiar.

Froito deste acordo esperamos anunciar nas próximas semanas unha formación que nos presente as claves da intervención nas diferentes etapas dos procesos de acollemento familiar, así como ferramentas e estratexias para a intervención en diferentes situacións.

Sobre o acollemento familiar
A medida de acollemento familiar supón dar ás e aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén e sen romper, na medida que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica.
Como profesionais debemos ter sempre como referencia o interese superior da infancia, acompañar a familias acolledoras, familias de orixe, e as propias nenas, nenos e adolescentes, para favorecer o seu desenvolvemento persoal e emocional de xeito óptimo.