ACTUALIDADE
Dende o Ceesg queremos ampliar e diversificar os nosos xeitos de comunicar. Por iso, dende hoxe podes seguirnos a través de Instagram e de Telegram.
O colexio xa ten presenza en Facebook, Twitter e Youtube, mais recibimos varias suxestións de colexiadas/os con perfil en instagram, unha das redes máis populares, para que nos unísemos tamén. E velaquí está, un espazo virtual máis no que compartir información sobre Educación Social.
Por outra parte, inauguramos unha canle pública de Telegram a través da cal difundiremos todas as nosas actividades, así como información relevante relacionada coa vida colexial.
Séguenos!
Ceesg en Instagram: @GaledusoCeesg
Canle Telegram
O 19 de maio arrincará unha formación de 25 horas na que compartiremos coñecementos e ferramentas que faciliten a atención das mulleres migrantes, especialmente aquelas en situación de asilo e refuxio, a través dunha abordaxe integral da violencia sexual e de xénero.
A formación estrutúrase en cinco sesións de cinco horas, nas que se traballará sobre as necesidades reais tanto das mulleres que acoden aos recursos como dos/as propios/as profesionais que os atenden, e na que se compartirán claves e boas prácticas na abordaxe da violencia sexual e de xénero.
Ver información detallada do curso
Debido a que quedaron algunhas prazas sen cubrir, mantense o prazo de inscrición aberto.
Dende o ano 1997, calquera tipo de aborto é penalizado no Salvador, con penas de prisión. Segundo datos do seu Ministerio de Saúde, no ano 2017 3.771 mulleres foron atendidas por violencia machista, case o 75% delas era menor de 19 anos. O 28% de embarazos neste país son de nenas e adolescentes de entre 10 e 19 anos.
O activismo feminista do Salvador vertebra un movemento de oposición, para a despenalización do aborto, que abrangue dende a loita legal para a defensa das mulleres privadas de liberdade até accións de sensibilización. Entre estas voces disidentes e reivindicativas destacan, entre outras, as músicas QUEEN e YEZLI MIC, que na súa estancia en Galicia farán unha parada na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, para achegar ao alumnado de Educación Social e a calquera outra persoa interesada, a súa visión e experiencia.
O faladoiro terá lugar o vindeiro 7 de abril de 13:30 a 14:30 no Salón de Graos da Facultade, organizado polo alumnado do PIC Ceesg da Universidade da Coruña, en colaboración coas ONG Solidariedade Internacional de Galicia, Asemblea de Cooperación pola Paz e Agareso.
Data: 7 de abril.
Horario: de 13:30 a 14:30 h.
Lugar: Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación, Universidade da Coruña (Campus de Elviña).
Entrada libre ata completar aforo.
Yeli MIC.
Cantante, compositora e activista feminista.
Yesenia Karmelina Martínez Ayala ten 24 anos. Conta cunha ampla traxectoria musical, de máis de 8 anos. As súas letras baséanse no acontecer da vida cotiá da xuventude do seu país, nas loitas sociais da muller e no empoderamento a través do exercicio e reivindicación dos seus dereitos, así como a denuncia das políticas do seu país.
Queen
Cantante, compositora e activista feminista.
Jennifer Alisson Serrano Rivas (2000) conta cunha traxectoria musical de máis de 6 anos dentro da cultura do Rap. Impartiu obradoiros en escolas públicas do seu país e foi parte do proxecto ‘La Voz de las Chicas’ do centro de América, realizando obradoiros para nenas e de zonas marxinais, co propósito de visibilizar as súas realidades por medio do Rap.
Como integrantes de Hip Hop Femenino El Salvador, ambas dedícanse, xunto ás súas compañeiras, a impartir foros, charlas, talleres e concertos sobre os Dereitos Humanos, as loitas sociais, a visibilización dos diferentes tipos de violencia cara a muller, á vez que mostran o Hisp Hop como unha ferramenta para o activismo (Artivismo) e a promoción para a paz.
Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:
- Orientador/a laboral
- Educador/a social
- T. de intervención social con migrantes
Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.
Na asemblea xeral celebrada o pasado 19 de febreiro, aprobouse o método interno para a censura de contas da lexislatura de goberno 2018-2022. Isto implica que tres colexiadas/os escollidas por sorteo serán citadas/os na sede do colexio para a revisión presencial das contas, poñendo á súa disposición os libros contables e a facturación dos exercicios 2018 a 2021, facilitándoselle o asesoramento do persoal técnico, asesoría contable e Xunta de Goberno do Ceesg.
O sorteo público para a elección de censoras/es de contas terá lugar o mércores 30 de marzo ás 10:00 h. na sede do Ceesg.
Designaranse tres colexiadas/os censores/as e tres suplentes. O cargo de censor/a de contas é obrigatorio, salvo causa de forza maior acreditada, e incompatible co de membro da Xunta de Goberno (nin saínte nin entrante).
A Fundación Salma está a organizar estes meses varias mesas redondas en concellos de Galicia en torno á saúde mental.
Con elas pretenden facer participe a toda a sociedade nun diálogo sobre como mellorar, entre todas e todos, os nosos servizos e políticas públicas de saúde mental.
O vindeiro martes 29 de marzo terá lugar un destes encontros, co título ‘Retos para a mellora da saúde mental na poboación infantil e xuvenil de Galicia’ no que participará a vicepresidenta do Ceesg. Será en Santiago de Compostela, no salón de graos da Facultade de Dereito, ás 19:15 h.
A mesa rematará cunha quenda de conversa e de preguntas abertas ao público. Animamos á asistencia a este encontro e aos demais que están organizando na mesma liña.
A entrada é libre e gratuita ate completar o aforo.
Infórmate de seguintes mesas redondas no Facebook da Fundación Salma.