Xornada formativa: unha mirada ao acollemento familiar
Xornada formativa: unha mirada ao acollemento familiar

A medida de acollemento familiar supón dar ás e aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén e sen romper, na medida que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica.

Esta formación achegaranos claves para a intervención nas diferentes etapas dos procesos de acollemento familiar, así como ferramentas e estratexias para a intervención en diferentes situacións.

Destinatarias/os: colexiadas/os e amigas/os do Ceesg.

Data: 1 de xuño de 2022 de 16:30 a 20:30 h.

Lugar: Sede do Ceesg, Santiago de Compostela.

Inscrición: Gratuíta. Prazas limitadas, adxudicaranse por orde de inscrición.

Formulario de inscricións

Ver detalles da formación

Educación Social e COVID-19 en Iberoamérica
Educación Social e COVID-19 en Iberoamérica

Dende o Ceesg compartimos e animámosvos a cumprimentar esta enquisa englobada dentro do proxecto ‘Educación Social y COVID-19 en Iberoamérica: exclusión sociolaboral tras la pandemia y buenas prácticas para la inclusión’.

Este proxecto ten como obxectivo xeral, analizar as problemáticas de exclusión sociolaboral tras o COVID-19 en Iberoamérica (no noso caso específico, en España) que foron atendidas por educadoras/es sociais e recoñecer as boas prácticas para a inclusión. Todo iso coa finalidade de coñecer as situacións prioritarias de exclusión sociolaboral e as principais poboacións afectadas; estudar os recursos e programas principais das entidades públicas e privadas para a inserción sociolaboral; identificar elementos e factores de protección nos procesos de inserción sociolaboral; así como establecer indicadores de inserción e propostas de acción efectivas ou consideradas como ‘boas prácticas’.

Todos estes elementos desenvolveranse nunha metodoloxía multimétodo tendo en conta unha mostraxe por conglomerados estratificados por rexións en cada país. Dese modo, os instrumentos que acompañan ao proceso son unha enquisa e un grupo de discusión (a informantes clave de cada país) no que participarán administracións públicas e entidades privadas (ONGs e empresas).

Enlace á enquisa en liña

Únete á nosa canle de Telegram
Únete á nosa canle de Telegram

Dende o Ceesg decidimos unirnos á aplicación de mensaxería Telegram cunha canle para difundir a nosa actividade e a actualidade da Educación Social.
Ademais da nosa presenza en redes sociais como Facebook, Twitter, Youtube, e máis recentemente Instagram, esta canle en Telegram permitiranos anunciar todas a información e o contido máis relevante que compartimos en redes sociais de xeito rápido e directo no teu móbil (sen depender dos algoritmos que rexen as redes sociais)
Se queres recibir todas as novidades e información do Ceesg do xeito máis cómodo, subscríbete á nosa canle facendo clic no seguinte enlace:

Subscríbete ao Telegram do Ceesg

Comunicado do Ceesg con motivo do Día Internacional contra o Acoso Escolar
Comunicado do Ceesg con motivo do Día Internacional contra o Acoso Escolar

Con motivo do Día Internacional contra o bullying, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) quere destacar a necesidade de apostar por estratexias institucionais eficaces que transformen aos centros educativos en espazos libres de acoso escolar. A literatura científica indica que resulta imprescindible a atención ao factor social nas escolas. O camiño cara un sistema educativo inclusivo so é posible si se atenden ás necesidades socioeducativas que están na etioloxía dos procesos de exclusión escolar. Resultados de investigacións recentes, feitas na Universidade de Vigo, indican a maior vulnerabilidade que, nos procesos de Bullying, vivencian as e os adolescentes que transgreden a norma de xénero, así como as/os que pertencen a grupos étnicos minoritarios (Carrera et al., 2021). A escola presenta déficits na atención ao factor social, situando nunha situación de vulnerabilidade pedagóxica ao 28% do estudantado (Fernández-Simo et al., 2022).

Dende o Ceesg vimos reivindicando que a Consellería de Educación adopte unha postura pro activa na dotación de recursos aos centros escolares que permitan que a escola sexa un espazo seguro e inclusivo. Para que isto sexa posible, compartimos as propostas da literatura científica sobre a materia e propomos:

  • Que a planificación educativa da administración pública teña en conta a dimensión socioeducativa. A atención a este factor é imprescindible para a equidade educativa e para a loita contra o bullying.
  • Que se incorporen educadoras e educadores sociais aos centros escolares. A educación social é a disciplina de referencia nos procesos de intervención socioeducativa.


Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.


Referencias:
Carrera-Fernández, M.V., Almeida, A., Cid-Fernández, X.M., González, A., & Fernández-Simo, D. (2021). Troubling secondary victimization of bullying victims: the role of gender and ethnicity. Journal of interpersonal violence Journal of Interpersonal Violence, 1–31. https://doi.org/10.1177/08862605211005151
Fernández-Simo, D., Cid-Fernández, X.M. Carrera-Fernández, M.V. (2022). Deficits in the Socio-educational School Inclusion Strategy for Students with Social Difficulty in Spain during the Covid-19 Pandemic. Center for Educational Policy Studies Journal. https://doi.org/10.26529/cepsj.1124

Futuro proxecto de decreto de Dependencia. Prazo para envío de suxestións
Futuro proxecto de decreto de Dependencia. Prazo para envío de suxestións

Recompilaremos as achegas e observacións que nos envíen as persoas colexiadas.

A Xunta publicou no seu portal de transparencia o Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Será obxecto deste novo decreto regular o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención no que se recoñecen as prestacións económicas e/ou os servizos de atención, de acordo co establecido nos capítulos III e IV do título I da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, así como determinar os órganos técnicos competentes para a valoración e o asesoramento da dependencia e a coordinación destes, así como a súa composición e funcións.

Ver proxecto de decreto.

Calquera colexiada/o que queira trasladar observacións a este proxecto de decreto, pode enviárnolas a servizos.colexiais@ceesg.gal antes do luns 2 de maio ás 10:00 h., para recompilar todas as vosas achegas e presentalas de xeito común dende o Ceesg.

Convenio con Down Galicia
Convenio con Down Galicia

O CEESG súmase a Down Galicia na procura dun envellecemento activo e saudable para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais

A Federación Down Galicia e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto a suma dos seus esforzos para a posta en marcha e desenvolvemento de distintas medidas relativas ao avance no proceso de envellecemento activo e saudable das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como á promoción da súa correcta atención sociosanitaria.
Este acordo céntrase en propostas como o intercambio de información sobre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual na etapa do envellecemento e as súas necesidades, o deseño e posta en marcha de programas de envellecemento activo e saudable, a busca de fórmulas para mellorar o proceso de envellecemento do colectivo este proceso vital ou a promoción de accións que contribúan a unha maior visibilización, participación e inclusión das persoas maiores con discapacidade intelectual en programas e servizos da comunidade, entre outras.

O envellecemento das persoas coa síndrome de Down

Envellecer é un proceso natural para todas as persoas, mais non deixa de ser unha conquista para as persoas coa síndrome de Down. Nas últimas décadas apreciouse un espectacular aumento da súa esperanza de vida, superando en moitas ocasións os 60 anos.
Este logro vén derivado do estudo e do coñecemento exhaustivo da realidade e necesidades do colectivo, dando lugar a unha mellora exponencial da súa calidade de vida e, moi especialmente, a unha mellor e máis especializada atención no campo da saúde. Por suposto, tamén polas melloras na atención social a través de entidades de apoio, mediante as que se conseguiu previr a dependencia e aumentar as cotas de autonomía das persoas pertencentes a este colectivo.
Pero a realidade é que as persoas coa síndrome de Down experimentan un proceso de envellecemento acelerado, polo que a partir dos 40-45 anos comezan a presentar trazos típicos da poboación envellecida.
Asumir esta nova realidade implica introducir as medidas necesarias que contribúan a alcanzar esta etapa vital coa maior calidade de vida posible e que permitan planificar este momento da vida da forma máis idónea.
Para Down Galicia falar de envellecemento é falar de retos, pero tamén de futuro. A sociedade debe proporcionar ás persoas maiores con discapacidade as oportunidades que lles permitan ser o máis autónomas posible, gozar de boa saúde e ser produtivas, fomentando así o seu benestar e creando contornas ambientais máis propicias e favorables. Nisto ten un papel relevante a profesión de Educación Social, que pode realizar un acompañamento pedagóxico ás persoas e ás familias, e incidir ademais na sensibilización social para acadar unha sociedade máis inclusiva.

Sobre Down Galicia

Down Galicia e as súas entidades membro conforman o chamado Movemento Down Galicia. En total son sete entidades sen ánimo de lucro que traballan nun modelo de intervención baseado na prestación de apoios totalmente individualizados e personalizados a persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual ao longo de todas as etapas da súa vida.
Todas as entidades do Movemento Down Galicia están declaradas de utilidade pública e acollidas á Lei de Mecenado.