ACTUALIDADE

Recompilaremos as achegas e observacións que nos envíen as persoas colexiadas.
A Xunta publicou no seu portal de transparencia o Proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
Será obxecto deste novo decreto regular o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e para a elaboración do Programa Individual de Atención no que se recoñecen as prestacións económicas e/ou os servizos de atención, de acordo co establecido nos capítulos III e IV do título I da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, así como determinar os órganos técnicos competentes para a valoración e o asesoramento da dependencia e a coordinación destes, así como a súa composición e funcións.
Calquera colexiada/o que queira trasladar observacións a este proxecto de decreto, pode enviárnolas a servizos.colexiais@ceesg.gal antes do luns 2 de maio ás 10:00 h., para recompilar todas as vosas achegas e presentalas de xeito común dende o Ceesg.

O CEESG súmase a Down Galicia na procura dun envellecemento activo e saudable para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais
A Federación Down Galicia e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto a suma dos seus esforzos para a posta en marcha e desenvolvemento de distintas medidas relativas ao avance no proceso de envellecemento activo e saudable das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como á promoción da súa correcta atención sociosanitaria.
Este acordo céntrase en propostas como o intercambio de información sobre o colectivo de persoas con discapacidade intelectual na etapa do envellecemento e as súas necesidades, o deseño e posta en marcha de programas de envellecemento activo e saudable, a busca de fórmulas para mellorar o proceso de envellecemento do colectivo este proceso vital ou a promoción de accións que contribúan a unha maior visibilización, participación e inclusión das persoas maiores con discapacidade intelectual en programas e servizos da comunidade, entre outras.
O envellecemento das persoas coa síndrome de Down
Envellecer é un proceso natural para todas as persoas, mais non deixa de ser unha conquista para as persoas coa síndrome de Down. Nas últimas décadas apreciouse un espectacular aumento da súa esperanza de vida, superando en moitas ocasións os 60 anos.
Este logro vén derivado do estudo e do coñecemento exhaustivo da realidade e necesidades do colectivo, dando lugar a unha mellora exponencial da súa calidade de vida e, moi especialmente, a unha mellor e máis especializada atención no campo da saúde. Por suposto, tamén polas melloras na atención social a través de entidades de apoio, mediante as que se conseguiu previr a dependencia e aumentar as cotas de autonomía das persoas pertencentes a este colectivo.
Pero a realidade é que as persoas coa síndrome de Down experimentan un proceso de envellecemento acelerado, polo que a partir dos 40-45 anos comezan a presentar trazos típicos da poboación envellecida.
Asumir esta nova realidade implica introducir as medidas necesarias que contribúan a alcanzar esta etapa vital coa maior calidade de vida posible e que permitan planificar este momento da vida da forma máis idónea.
Para Down Galicia falar de envellecemento é falar de retos, pero tamén de futuro. A sociedade debe proporcionar ás persoas maiores con discapacidade as oportunidades que lles permitan ser o máis autónomas posible, gozar de boa saúde e ser produtivas, fomentando así o seu benestar e creando contornas ambientais máis propicias e favorables. Nisto ten un papel relevante a profesión de Educación Social, que pode realizar un acompañamento pedagóxico ás persoas e ás familias, e incidir ademais na sensibilización social para acadar unha sociedade máis inclusiva.
Sobre Down Galicia
Down Galicia e as súas entidades membro conforman o chamado Movemento Down Galicia. En total son sete entidades sen ánimo de lucro que traballan nun modelo de intervención baseado na prestación de apoios totalmente individualizados e personalizados a persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual ao longo de todas as etapas da súa vida.
Todas as entidades do Movemento Down Galicia están declaradas de utilidade pública e acollidas á Lei de Mecenado.

Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na web do Ceesg:
- Educador/a social
- Educador/a
- Técnica/o de proxectos
- Prácticas académicas no rural
- Promotor/a de igualdade de oportunidades
- Orientador/a profesional para a inserción
- Orientador/a profesional para a inserción
Se estás á procura de emprego, recorda visitar regularmente a nosa web para estar ao tanto de todas as novidades.

Nesta semana, o Ceesg presentou sendos recursos de reposición contra bases de convocatoria anunciadas polo Concello de Monforte e a Deputación de Pontevedra.
O Concello de Monforte publicou no BOP do 22 de marzo de 2022 as bases e convocatoria do proceso selectivo, como persoal laboral fixo, mediante oposición libre, do posto de COORDINADOR/A DOS SERVIZOS SOCIAIS MUNICIPAIS e constitución de bolsa de emprego para esa categoría. A reclamación do Ceesg vai no sentido de que se inclúa a titulación de Educación Social no proceso selectivo, ao atoparse excluída dos requisitos.
No caso da Deputación de Pontevedra, no BOP do 23 de marzo de 2022 publicouse a convocatoria de varios procesos selectivos para cubrir prazas vacantes no cadro de persoal funcionario, entre outras, 7 prazas de Técnica/o de Educación. A solicitude neste caso é para solicitar a exclusividade da Educación Social no acceso ao posto, dado que é a única idónea, á vista das características do posto.

Froito das iniciativas que están comezando a implantarse en Galicia en relación a novos modelos de recursos residenciais de persoas maiores, a Xunta de Galicia vai modificar a orde que regula as condicións e requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, para incorporar un novo tipo de recurso residencial: os aloxamentos compartidos (tamén coñecidos como co-housing), un xeito de vida en comunidade para fomentar o apoio mutuo entre persoas que deciden vivir xuntas.
O Ceesg presentou as seguintes observacións ao proxecto de modificación da normativa (Proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á ?????????́? ??? ????????́?? ? ?????????? ??????́????? ??? ????? ??????? ?? ??????? ?? ???????́? ? ??????? ???????’):
No relativo ao entorno no que se ubique:
- Preto de núcleos, tanto urbáns como rurais, para así poder favorecer a participación na vida sociocomunitaria da persoa maior.
- Descentralizados e ubicados en varios puntos da xeografía galega, coa finalidade de permanencia na contorna propia e evitar así mudar a mesma.
No relativo ás instalacións:
- Adaptadas ás posibles necesidades das persoas que poden xurdir no deterioro da mobilidade (rampas, salvaescaleiras, ascensor, ancho das portas con medidas que faciliten o uso de cadeiras de rodas e, de si fora preciso, de bañeira xeriátrica), no deterioro da visión , auditivo… e que poidan facilitar o día a día da persoa residente, así como os máximos niveis de autonomía sen ou con produtos de apoio.
- Con espazos ó aire libre de esparcemento: xardín e, si fora posible en entornos rurais, con dispoñibilidade de horto e de espazo para dispoñer de animais.
- Máximo de 8 prazas por vivienda.
No relativo á organización:
- Baseada en procesos participativos reais, nos que as persoas que residan na vivienda sexan protagonistas do seu proxecto vital e teñan a capacidade de autodeterminación.
- Respetuosa co proxecto vital e a historia de vida das persoas.
- Potenciadora da autonomía e independencia naquelas tarefas que a persoa poida realizar por sí mesma ou cos mínimos apoios.
- Aberta ó contacto co entorno sociofamiliar da persoa residente cando ela así o desexe. No relativo ós perfís profesionais presentes:
- Xerocultor/a: persoa encargada dos coidados básicos das persoas usuarias naquelas esferas nas que a persoa poida precisar axuda.
- Educador/a social: persoa encargada de impulsar os procesos participativos no centro, de que o proxecto vital da persoa teña continuidade nesta etapa e de establecer o contacto coa contorna.

Co lema ‘Educación Social, dignidade e dereitos’, o VIII Congreso Estatal de Educación Social arrincou finalmente o pasado 31 de marzo, tras ter sido aprazado e reformulado por mor da pandemia.
O congreso, tal como se presenta agora, está organizado de xeito descentralizado, composto de xornadas que terán lugar en distintos territorios e que poden seguirse en streaming. Un congreso que podes seguir dende a túa casa, escollendo as xornadas que che interesen do programa.
A inscrición é gratuíta para estudantes de Educación Social, educadoras/es sociais colexiadas/os e profesorado dos graos de Educación Social. A cota xeral, para outras persoas interesadas é de 10 €. A certificación está suxeita á asistencia do 80% do Congreso e ten un custe de 30€ para persoas colexiadas, estudantes e profesorado, e 60€ para público xeral.
A posibilidade de inscrición seguirá aberta ata que remate o congreso. Estas son as xornadas que a día de hoxe quedan por celebrar:
- 3.ª Xornada Canarias, 21 de abril
- 4.ª Xornada País Vasco, 27 abril
- 5.ª Xornada Madrid 30 de abril
- 6.ª Xornada Valencia 4 maio
- 7.ª Xornada Murcia, 12 maio
- 8.ª Xornada Valladolid, San Pelayo, 14 maio
- 9.ª Xornada Sevilla, 19 maio
Non te perdas o programa completo na web do congreso www.congresoeducacionsocial.org