ACTUALIDADE
A Xunta de Galicia vén de publicar no DOG do 17 de abril aos últimos acordos do CECOP, entre os cales destacamos algún deles:
- Posta á disposición daquelas asociacións e clústeres que así o requiran da posibilidade de adherirse ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica, coa finalidade de garantirlles a subministración de máscaras. Procedemento de adhesión e pagamento.
- Modificación e ampliación de medidas para favorecer as persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia:
- Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño de 2020.
- Para a realización de trámites urxentes na demanda de emprego amplíanse os servizos telemáticos á disposición da cidadanía: novo formulario web para a tramitación de altas iniciais e ampliación dos servizos para a reactivación da demanda a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia. Estes dous servizos, xunto coas restantes medidas acordadas pola Xunta de Galicia en favor das persoas demandantes de emprego e os datos de contacto da rede de oficinas de emprego, están dispoñibles no Portal de emprego de Galicia: https://emprego.xunta.gal.
- Proposta para que todos os autónomos poidan ser beneficiarios das axudas públicas, independentemente do seu réxime de cotización.
- Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Establece o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección das persoas traballadoras, con especial referencia aos potencialmente sensibles.
Está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e, polo tanto, desta guía de actuación o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.
O punto 3.2 e o anexo II do documento céntranse nas tarefas realizadas polo persoal vinculado aos centros de atención a persoas con discapacidade, residencias de maiores e centros asimilados da Consellería de Política Social, onde o persoal se encadra nalgunha das seguintes tipoloxías:
- Persoal sanitario e asistencial: médica/o, DUE, auxiliar de enfermaría, coidador/a, auxiliar coidador/a.
- Persoal técnico: psicóloga/o, traballador/a social, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, educador/a, animador/a sociocultural.
- Persoal de servizos xerais: mantemento, cociña, ordenanza, administración, camareira/o—limpador/a.
A guía pode consultarse no anexo II da resolución (enlace a continuación). Tamén incluímos un enlace no ‘Repositorio de documentos técnicos sobre estado de alarma e COVID-19’
Recompilamos a continuación as novas do Ceesg e do CGCEES que iremos publicando sobre a situación de emerxencia sanitaria, así como outros enlaces de interese.
15/04/2020. Recomendacións xerais e recursos para Infancia, Maiores, Violencia de xénero, Diversidade Funcional… (CGCEES)
3/04/2020. Campaña #LaEducaciónSocialCONTIGO (CGCEES)
1/04/2020. Repositorio de documentos técnicos sobre o estado de alarma e a COVID-19 (actualización constante)
30/03/2020. Como vives o coronavirus? Proposta de actividade de expresión artística para as educadoras/es sociais que seguen traballando con colectivos
30/03/2020. Medidas en materia de recursos humanos nos servizos sociais ante a crise COVID-19.
27/03/2020. Medidas e propostas do Ceesg en relación á crise do coronavirus
26/03/2020. Comunicado Geix: Educación social con persoas maiores en tempos de coronavirus.
25/03/2020. Campaña ‘La Educación Social es NECESARIA’
25/03/2020. O CGCEES traslada ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a súa inquietude pola situación actual e a seguridade das persoas en situación de vulnerabilidade e dos/aas profesionais que as acompañan
25/03/2020. Guía con información e recursos oficiais, laborais, profesionais, culturais, didácticos e saudables. (CGCEES)
25/03/2020. Comunicado reclamando maior atención a servizos residenciais de protección á infancia ante o risco de colapso polo efecto do COVID-19
19/03/2020. Bolsa de emprego para o chamamento de colexiadas/os en situación de emerxencia.
18/03/2020. Información legal-administrativa relacionada co estado de alarma
17/03/2020. Compartimos ideas para mellorar o tempo na casa. Iniciativa CGCEES.
17/03/2020. Carta do CGCEES á cidadanía dende a Educación Social.
16/03/2020. Comunicado en relación á situación de alarma.
13/03/2020. Plan de continxencia do Ceesg contra o coronavirus e recomendacións para o exercicio da profesión.
12/03/2020. Suspensión dos servizos presenciais do Ceesg.
O Colegio Profesional de Educadores Sociales de la Región de Murcia (CPESRM) abre prazo de presentación de propostas para a súa liña de formación virtual 2020.
As accións seleccionadas serán levadas a cabo baixo a coordinación e supervisión do CPESRM, promovidas e avaladas polo mesmo, impartidas a través da súa plataforma de teleformación.
Prazo de presentación de propostas ata o 30 de abril.
Poden presentar propostas de formación: empresas, persoas ou institucións. De ser seleccionada a súa proposta, as súas funcións serán: elaborar os contidos teóricos da acción formativa, impartir as sesións virtuais, titorías por correo electrónico ao alumnado, supervisión e respostas nos foros.
Dende o Ceesg e dende Anpas galegas reclamamos á Xunta de Galicia a mellora na atención educativa ao alumnado durante a suspensión das clases, achegando unha serie de propostas que contribuirían a diminuír as desigualdades que nesta situación se fan máis patentes e mesmo se poden agudizar.
Saúde. Palabra que hoxe en día cobra máis significado e importancia que nunca. Palabra que seguramente para moitas e moitos de nós, se non o era, pasa a ser a prioridade número un das nosas vidas.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia a través do Grupo de traballo de saúde Miolo, reivindica neste Día Mundial da Saúde, a importancia de aportar dende a nosa profesión, a teoría e a práctica que permitan que as persoas acaden a maior calidade de vida posible. Asegurar a atención necesaria ás que carecen dela e sumar para evitar que moitas a perdan.
Son múltiples as situacións de vulnerabilidade nas que a saúde periga: casos de maltrato psicolóxico e físico, problemas de malnutrición, estrés e ansiedade derivados de problemas económicos ou familiares, problemas de adiccións, dificultade de acceso a recursos que faciliten unha vida autónoma, soidade…
A saúde ten un equilibro inestable debido a que está condicionada por factores psicolóxicos, sociais, ambientais, laborais, biolóxicos… Por iso, hoxe en día falamos de “equipos sociosanitarios”, nos que ás disciplinas profesionais vinculadas tradicionalmente á saúde se suman outras, creando unha sinerxía que aporta un enfoque integral. Falamos dunha rede de traballo de profesionais da saúde que debe funcionar como cortalumes ante calquera tipo de ameaza sociosanitaria.
A Educación Social é unha destas profesións, que se adentra no tecido social e serve como ferramenta de traballo para a eliminación de situacións que inflúan negativamente na saúde, contribuíndo ao benestar biopsicosocial da cidadanía. Unha profesión que conta coas competencias sociais e emocionais que nos permiten ser especialistas neste ámbito. Unha profesión que ten entre as súas principais funcións a promoción da saúde, que a través de procesos socioeducativos, actúa en base ás necesidades das persoas. Unha profesión que mediante a información, a mediación, a motivación, a promoción, a sensibilización, o acompañamento, o deseño, a planificación, a prevención, a coordinación, o asesoramento, a actuación e a intervención, busca a autonomía, a participación e o empoderamento das comunidades e de cada persoa.
Dende a Educación Social seguiremos traballando os 365 días do ano, así como reclamando a nosa posta en valor como profesionais esenciais no ámbito, para asegurar o noso ben máis prezado, a saúde.
Miolo. Grupo de traballo sobre Saúde, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
7 de abril de 2020.
As educadoras e educadores sociais están desmostrando o esencial do seu labor. Co obxecivo de poñer en valor o feito de que non estamos soas/sós, o Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales inicia a campaña #LaEducaciónSocialCONTIGO, a través da cal nas súas redes sociais as persoas responsables de comunicación (ou membros de Xuntas de Goberno) dos colexios autonómicos explicarán a situación en cada territorio.
Nas nosas redes sociais iremos compartindo nos próximos días os contidos desta campaña.
Presentación da campaña por parte de Lourdes Menacho, presidenta do CGCEES. (vídeo)