Como vives o coronavirus?
Como vives o coronavirus?

Poñemos en marcha unha actividade de expresión artística, dirixida ás educadoras e educadores sociais que seguides a traballar con diferentes colectivos:

  • Lanza a pregunta ‘Como vives o coronavirus?’ para que respondan a través do debuxo.
  • Envía unha foto ou escaneado de cada debuxo a administracion@ceesg.org, indicando nome da persoa, nome do centro e lugar de procedencia do debuxo.
  • Dende o Ceesg, faremos difusión a través das nosas redes sociais.
  • Esta actividade está dirixida tamén ás familias e poden participar persoas de calquera idade.

Teremos así un testemuño de como se está vivindo a situación actual, canalizando a expresión das emocións e fomentando a creatividade.

Estudio sobre a COVID e a situación laboral da Educación Social
Estudio sobre a COVID e a situación laboral da Educación Social

Investigadores da Universidade de Burgos están realizando un estudo para coñecer o impacto da situación actual de crise sanitaria nos e nas profesionais da educación social.

Xa teñen datos suficientes para poder realizar unha análise a nivel estatal e para algunhas comunidades autónomas. Pero Galicia é unha desas comunidades para as que non contan cunha mostra suficiente para facer unha análise por separado, e pídennos difusión para darlle un impulso ao número de participantes no noso territorio.

Trátase de que profesionais da Educación Social cubran un breve cuestionario anónimo, para o que se estima un tempo de resposta inferior a 5 minutos.

Cuestionario: https://bit.ly/COVID_EDUSOCIAL

Despois dun ano da participación na organización das Xornadas de Renda Básica, o Ceesg únese a outros colectivos para reivindicar unha Renda Básica XA!
Despois dun ano da participación na organización das Xornadas de Renda Básica, o Ceesg únese a outros colectivos para reivindicar unha Renda Básica XA!

Nin RISGA, nin Ingreso Mínimo Vital. RENDA BÁSICA XA!

Confinadas e empobrecidas estamos por mor dun virus. A moitas galegas esta crise pillounas núas, orfas de protección. Por iso o futuro albíscase complicado, en forma de despedimentos, ERTEs, precariedade, despexos, mortes…

Hai uns meses colectivos e asociacións do país reclamabamos facer da “RISGA UN VERDADEIRO DEREITO” para nos protexer da pegada do empobrecemento. Agora, á vista da continuidade das ineficaces e miserentas políticas sociais e da crise provocada polo coronavirus, esiximos RENDA BÁSICA, XA!

Malia os anuncios de medidas por parte do goberno central, polo momento non hai INGRESO MÍNIMO VITAL e descoñecemos o detalle da súa cobertura. Mais do que imos sabendo semella que vai beber das mesmas fontes que as políticas de rendas mínimas.

Cómpre implantar unha RENDA BÁSICA e desbotar medidas como a RISGA que cunhas contías miserentas, cun taxa de cobertura da poboación empobrecida ínfima e cun nivel altísimo de burocracia, que se traduce en obstáculos e atrasos, non serve para cubrir necesidades básicas. A RISGA non serve para erradicar a pobreza, nin antes da crise do COVID19, nin moito menos cara o futuro que entrevemos. Mais ben ofrece xestionar a miseria, ao igual que as medidas que propoñen.

Esiximos superar as políticas sociais vixentes e apostar dunha vez por dereitos fortes que estean dotados do persoal e dos recursos necesarios. Hai uns meses Philip Alston, relator sobre extrema pobreza e dereitos humanos da ONU, visitou o Estado Español e denunciou o pantano burocrático para acceder a unha prestación.

Por isto urxen medidas transformadoras como a Renda Básica que permita unhas mínimas condicións materiais para garantir unha vida digna, desde as cales conquistar colectivamente outros dereitos.

A vida digna como dereito non se negocia nin pode agardar!

Abril 2020

Asinan:

Foro Galego de Inmigración, Oficina Dereitos Sociais de Coia, Colectivos pola Renda Básica Universal de Compostela, Betanzos e A Coruña, Boa Vida, SOS Racismo Galicia, ONGD Viraventos, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinación Baladre contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social, Coordinadora de Crentes Galeg@s, Asociación Fuco Buxán, Vangarda Obreira da Coruña.

A RISGA non serve por:

1) contía miserenta: importe medio de 439 € en 2019.

2) camiño de obstáculos burocráticos: 4 meses de media para tramitala, nas grandes vilas, como Vigo, as esperas poden chegar aos 9 meses.

3) escasa cobertura: algo máis de 10.000 persoas cobran a RISGA en 2020, fronte as 470.000 que se atopan en situación de exclusión social, das cales 226.946 persoas malviven en situación de exclusión severa segundo Cáritas.

4) prestación por unidade de convivencia: que implica unha morea de atrancos se compartes vivenda con persoas que teñen ingresos ou con familiares que reciben axudas.

Fronte a isto esiximos un novo dereito, a RENDA BÁSICA:

  1. suficiente: cunha contía que permita vivir cuns mínimos de dignidade, nunca por baixo do limiar da pobreza.
  2. universal: dereito a unha renda individual para todas as persoas.
  3. incondicional: sen contraprestacións e ao marxe das circunstancias de cada quen.
  4. a renda básica permitiríanos ter unhas mínimas condicións materiais para a conquista colectiva de máis dereitos.
Acordos do Cecop do 14 de abril de 2020
Acordos do Cecop do 14 de abril de 2020

A Xunta de Galicia vén de publicar no DOG do 17 de abril aos últimos acordos do CECOP, entre os cales destacamos algún deles:

  • Posta á disposición daquelas asociacións e clústeres que así o requiran da posibilidade de adherirse ao sistema de compras organizado pola Administración autonómica, coa finalidade de garantirlles a subministración de máscaras. Procedemento de adhesión e pagamento.
  • Modificación e ampliación de medidas para favorecer as persoas demandantes inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia:
  1. Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de xuño de 2020.
  2. Para a realización de trámites urxentes na demanda de emprego amplíanse os servizos telemáticos á disposición da cidadanía: novo formulario web para a tramitación de altas iniciais e ampliación dos servizos para a reactivación da demanda a través da Oficina Virtual de Emprego Galicia. Estes dous servizos, xunto coas restantes medidas acordadas pola Xunta de Galicia en favor das persoas demandantes de emprego e os datos de contacto da rede de oficinas de emprego, están dispoñibles no Portal de emprego de Galicia: https://emprego.xunta.gal.
  • Proposta para que todos os autónomos poidan ser beneficiarios das axudas públicas, independentemente do seu réxime de cotización.
  • Guía preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Establece o protocolo interno de actuación á hora de abordar a prevención da infección do coronavirus desde a óptica da súa prevención no eido laboral, así como establecer os mecanismos de protección das persoas traballadoras, con especial referencia aos potencialmente sensibles.

Está expresamente excluído do ámbito de actuación do Servizo de Prevención de Riscos Laborais e, polo tanto, desta guía de actuación o persoal do Sergas dos centros sanitarios e o persoal destinado en centros docentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como aqueles outros entes ou organismos que contan con servizo de prevención propio ou alleo.

O punto 3.2 e o anexo II do documento céntranse nas tarefas realizadas polo persoal vinculado aos centros de atención a persoas con discapacidade, residencias de maiores e centros asimilados da Consellería de Política Social, onde o persoal se encadra nalgunha das seguintes tipoloxías:

  • Persoal sanitario e asistencial: médica/o, DUE, auxiliar de enfermaría, coidador/a, auxiliar coidador/a.
  • Persoal técnico: psicóloga/o, traballador/a social, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, educador/a, animador/a sociocultural.
  • Persoal de servizos xerais: mantemento, cociña, ordenanza, administración, camareira/o—limpador/a.

A guía pode consultarse no anexo II da resolución (enlace a continuación). Tamén incluímos un enlace no ‘Repositorio de documentos técnicos sobre estado de alarma e COVID-19’

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade de diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 14 de abril de 2020. (DOG nº 74 do 17/4/2020)

 Informacións sobre o Coronavirus
Informacións sobre o Coronavirus

Recompilamos a continuación as novas do Ceesg e do CGCEES que iremos publicando sobre a situación de emerxencia sanitaria, así como outros enlaces de interese.

15/04/2020. Recomendacións xerais e recursos para Infancia, Maiores, Violencia de xénero, Diversidade Funcional… (CGCEES)

3/04/2020. Campaña #LaEducaciónSocialCONTIGO (CGCEES)

1/04/2020. Repositorio de documentos técnicos sobre o estado de alarma e a COVID-19 (actualización constante)

30/03/2020. Como vives o coronavirus? Proposta de actividade de expresión artística para as educadoras/es sociais que seguen traballando con colectivos

30/03/2020. Medidas en materia de recursos humanos nos servizos sociais ante a crise COVID-19.

27/03/2020. Medidas e propostas do Ceesg en relación á crise do coronavirus

26/03/2020. Comunicado Geix: Educación social con persoas maiores en tempos de coronavirus.

25/03/2020. Campaña ‘La Educación Social es NECESARIA’

25/03/2020. O CGCEES traslada ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 a súa inquietude pola situación actual e a seguridade das persoas en situación de vulnerabilidade e dos/aas profesionais que as acompañan

25/03/2020. Guía con información e recursos oficiais, laborais, profesionais, culturais, didácticos e saudables. (CGCEES)

25/03/2020. Comunicado reclamando maior atención a servizos residenciais de protección á infancia ante o risco de colapso polo efecto do COVID-19

19/03/2020. Bolsa de emprego para o chamamento de colexiadas/os en situación de emerxencia.

18/03/2020. Información legal-administrativa relacionada co estado de alarma

17/03/2020. Compartimos ideas para mellorar o tempo na casa. Iniciativa CGCEES.

17/03/2020. Carta do CGCEES á cidadanía dende a Educación Social.

16/03/2020. Comunicado en relación á situación de alarma.

13/03/2020. Plan de continxencia do Ceesg contra o coronavirus e recomendacións para o exercicio da profesión.

12/03/2020. Suspensión dos servizos presenciais do Ceesg.

Propostas para a formación virtual do CPESRM 2020
Propostas para a formación virtual do CPESRM 2020

O Colegio Profesional de Educadores Sociales de la Región de Murcia (CPESRM) abre prazo de presentación de propostas para a súa liña de formación virtual 2020.

As accións seleccionadas serán levadas a cabo baixo a coordinación e supervisión do CPESRM, promovidas e avaladas polo mesmo, impartidas a través da súa plataforma de teleformación.

Prazo de presentación de propostas ata o 30 de abril.

Poden presentar propostas de formación: empresas, persoas ou institucións. De ser seleccionada a súa proposta, as súas funcións serán: elaborar os contidos teóricos da acción formativa, impartir as sesións virtuais, titorías por correo electrónico ao alumnado, supervisión e respostas nos foros.

Máis información