ACTUALIDADE
Este ano o movemento feminista, baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”, volve poñer o foco de atención nos coidados, colocándoos no centro das nosas vidas.
Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Ceesg, consideramos que temos a responsabilidade social de outorgar aos coidados un lugar prioritario nos nosos debates e reflexións, nun dobre sentido:
- Por un lado, a necesidade dos coidados nunha profesión, a Educación Social, onde as mulleres somos maioría; unha profesión invisible e infravalorada social e economicamente, que nos sobrecarga de tarefas, con escaso recoñecemento e con condicións laborais precarias.
- E, por outro, a responsabilidade que temos como profesión que traballa xunto á cidadanía nos espazos familiares, onde segue sen existir unha redistribución equitativa das tarefas domésticas e dos coidados.
Os traballos de coidados están feminizados, e son realizados en contextos de invisibilidade, social e económica, así como desde a precariedade e falta de recoñecemento. Por outra banda, o Estado segue sen garantir recursos e servizos suficientes para atender ás demandas crecentes de coidados, entre a poboación máis miúda, e tamén, entre a poboación maior e aquela que se atopa nunha situación de dependencia.
Ante este escenario, desde o Ceesg, neste 8 de marzo, MANIFESTAMOS:
- O rexeitamento ás políticas sociais, laborais e económicas que implican un retroceso nos dereitos e conquistas sociais: recortes e privatización de servizos públicos como os servizos sociais, a educación e a sanidade.
- O dereito a un traballo digno e á corresponsabilidade nas nosas vidas.
- A necesidade de repensar o público e o común para situar a reprodución da vida e o benestar no centro das prioridades da nosa sociedade.
- A necesidade de establecer estratexias diferentes e alternativas á externalización dos coidados, permitindo exercer os coidados a aquelas mulleres e homes que así o desexen dun xeito digno.
- A revisión das xornadas laborais que dificultan unha infancia con dereito a gozar de tempo compartido en familia, así como o exercicio dunha marentalidade e/ou parentalidade positiva.
- O papel clave da Educación Social na transformación da sociedade, xa que traballamos para o desenvolvemento integral das persoas, libres de prexuízos e de estereotipos de xénero.
- A reivindicación dunha educación na ética dos coidados e no recoñecemento efectivo dos dereitos sociais.
- A necesidade dunha cultura comunitaria, baseada nas relacións de veciñanza, a xestión participativa e o uso compartido dos bens e dos espazos públicos, onde poder construír sororidade e redes de apoio; porque o colectivo facilita a vida de toda a cidadanía.
- O noso apoio ás mobilizacións e manifestacións previstas por todo o país, convidando a todas as mulleres a sumarse e participar.
Sen nós o mundo non produce nin se reproduce.
#EducaciónSocialéCoidados
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020.
Con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, o CGCEES creou o hashtag #EdusoESFeminismo para visibilizar nas redes sociais as achegas da Educación Social.
Ademais, o Ceesg, a través do seu grupo de traballo Fiadeiras, elaborou un manifesto que podes consultar na web do Ceesg
A Editorial Mad ofrece descontos ás persoas colexiadas na venda de temarios de oposicións.
No seguinte enlace están activados eses descontos para os temarios de ‘Educador/a’ da Xunta (25% de desconto) e os da especialidade Intervención Sociocomuntiaria de Educación (30% de desconto)
CONDICIÓNS:
O pedido debe facerse a través da plataforma indicada e enviarase por correo postal, e o pago farase contra reembolso.
Os envíos a partir de 90€ (netos) faranse sen coste adicional en cocpeto de portes (só en Península) Para pedidos de menor cuantía o pedido incrementarase en 5€ (para enviós a Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, consultar condicións)
Só se procesarán pedidos realizados por persoas colexiadas ou amigas do Ceesg.
Acordo vixente ata o 31/12/2020.
O Ceesg non organiza nin patrocina esta actividade, nin se fai responsable do seu contido nin das condicións de contratación, que serán directamente coa empresa ofertante.
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de toma de decisións do colexio, formado por todas as persoas colexiadas. Cada ano reúnese como mínimo unha vez para marcar o rumbo do colexio.
A xornada da Asemblea 2020, ademais, será un espazo para o encontro, para o intercambio e para o recoñecemento. Por iso a Asemblea vén acompañada dunha serie de actos abertos ao público, como son a formación sobre o Informe socioeducativo (ISE), a presentación do nº 13 da revista Galeduso –monográfico sobre Educación Social e Escola-, a entrega de premios da 5ª e 6ª edición do Concurso TFG.eduso, e o acto de nomeamento como Colexiado de Honra de Alberto Fernández de Sanmamed Santos. Rematando a xornada, celebrarase a Asemblea, na que se exporán as memorias de actividades e económica, se debaterán os plans de traballo e orzamentos para o 2020 e se sorteará unha inscrición gratuíta ao VIII Congreso Estatal de Educación Social.
Para unha mellor organización, pregamos confirmar asistencia. Tamén queremos xestionar posibles desprazamentos ata o lugar de celebración, polo que, se non tes posibilidade de desprazamento ou se vas levar o coche e tes algunha praza libre que poidas ofrecer, infórmanos para organizalo.
Data: venres 28 de febreiro de 2020.
Lugar: Pazo de Mariñán (Bergondo)
O Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais estrea páxina web.
A nova páxina recolle en portada temas destacados de actualidade, con espazo reservado para enlazar coa revista RES, co portal eduso.net, coa actividade do consello nas redes sociais, entre outros recursos. Noutras seccións pode consultarse información xeral sobre a entidade, a súa historia, documentación de transparencia, actividades, etc.
A web está en constante proceso de actualización e mellora. E aquí está, esperando que a navegues e a descubras:
https://www.consejoeducacionsocial.net/
Estas son as ofertas de emprego máis recentes publicadas na nosa web:
- Educador/a social
- Técnica/o social
- Técnica/o teleasistencia
- Bolseira/o educación social
- Educador/a social - igualdade
Se estás na procura de emprego, non esquezas revisar frecuentemente a información sobre emprego na nosa web, onde imos publicando todas as ofertas que coñecemos ou que nos fan chegar as entidades que precisan de educadoras/es sociais. Para os detalles das ofertas publicadas recentemente, entra na Bolsa de Emprego do Ceesg.