Comunicado: A Educación Social xa está presente
Comunicado: A Educación Social xa está presente

Comunicado do Ceesg en relación a Lei orgánica de protección integral á infancia e adolescencia fronte a violencia.

A EDUCACIÓN SOCIAL XA ESTÁ PRESENTE.

Estamos presentes na vida de nenas e nenos e de familias en accións grupais e individuais dende a súa infancia.

Estamos presentes ó carón das familias nos acompañamentos socioeducativos que se realizan para favorecer apoios reais.

Estamos presentes sendo referentes reais ó longo da vida de moitas crianzas, nos centros escolares e centros de protección, a través dos servizos sociais comunitarios, permitíndonos acompañala, favorecendo factores de protección que rebaixen a vulnerabilidade que, en ocasións, acompaña ás persoas dende o comezo da súa vida.

A Lei orgánica de protección integral á infancia e adolescencia fronte a violencia debe asegurar a formación necesaria das profesionais que acompañamos a nenas, nenos e familias e debe asegurar a intervención dende a prevención, como proposta da Educación Social.

Nomear novas figuras profesionais inexistentes non fai máis que diluír responsabilidades; a Educación Social non quere eludir as responsabilidades que supón dar a man durante anos ás persoas que o precisan.

Dende hai anos a Educación Social está presente na escola realizando accións educativas de xeito individual ou grupal por varias vías:

  • A través dos Servizos Sociais Comunitarios. En Galicia a figura da Educación Social remóntase ós anos 80 coa incorporación dos programas de Educación Familiar nos que a Educación Social a través do acompañamento socioeducativo como base da intervención funciona de apoio ás familias e especialmente a nenos e nenas.
  • A través da contratación externa por parte dos Concellos, das ANPAS e dos propios centros educativos, que sempre depositaron a súa confianza na nosa figura profesional para levar a cabo programas socioeducativos de prevención, e sensibilización en diversos ámbitos.
  • Coa incorporación da Educación Social de xeito normalizado no sistema educativo a través da contratación directa por parte das administracións autonómicas, como nos casos de comunidades como Estremadura, Castela A Mancha, Andalucía e Canarias.

É necesario evitar que os cambios que a lei propón se convertan en postos baleiros de contido con profesionais sen experiencia no sector e que non sirvan como figuras de referencia reais. Se o que se busca é a protección eficaz e de calidade debemos atender a figuras profesionais cunha formación que teña unha base pedagóxica e manexe as ferramentas da intervención socioeducativa directa con nenos e nenas e coas familias. A Educación Social é a resposta idónea para completar a atención integral dos centros educativos, entendidos como espazos de aprendizaxe, socialización, convivencia e protección social.

Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
O CGCEES solicitará que non se usurpen as funcións de Educador/a Social coa Lei Rhodes
O CGCEES solicitará que non se usurpen as funcións de Educador/a Social coa Lei Rhodes

Á vista do proxecto da ‘Ley de Protección a la Infancia y la Adolescencia frente a la Violencia’, o CGCEES solicitará que as funcións das educadoras/es sociais non sexan usurpadas, xa que a figura de coordinador/a de benestar e protección definido nesta norma é claramente o de educador/a social. O Consello insta ademais á inclusión de educadoras y educadores sociais en todos os centros educativos.

Para saber máis sobre esta proposta:

Ver comunicado do CGCEES.

Investigación sobre conciliación e lecer nas familias con fillos e fillas en ed. primaria
Investigación sobre conciliación e lecer nas familias con fillos e fillas en ed. primaria

Compartimos o cuestionario que o grupo SEPA-interea está usando para a recollida de datos sobre conciliación e lecer nas familias con fillas e fillos en Educación Primaria durante o confinamiento. Isto serviralles para facer propostas para o vindeiro curso escolar.
Animamos a cubrilo ás persoas que teñades fillas/os escolarizados en Educación Primaria.

Ir ao cuestionario.

Non ao intrusimo #LeyRhodes_EDUSO
Non ao intrusimo #LeyRhodes_EDUSO

Venres 12 de xuño, ás 11:00 h., nas redes sociais (principalmente twitter) convidamos a expresarvos sobre o intrusimo laboral para facer ver que non é necesario crear novos perfís profesionais cando xa existen.

Se te sentes identificada/o con estes hastag:

#LeyRhodes_EDUSO #LaEducaciónSocialEsNecesaria

  • Escríbeos nas súas redes sociais xunto a un motivo para frear o intrusismo laboral (venres 12 de xuño ás 11:00 h.)
  • Difunde en grupos de WhatsApp e Facebook que compartas con compañeiras/os. Que todo o mundo teña a posibilidade de expresarse e participar.

Iniciativa promovida polo Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales.

Propostas para a construción dunhas políticas públicas máis xustas
Propostas para a construción dunhas políticas públicas máis xustas

Desde o Ceesg queremos contribuír á construción dunhas políticas públicas máis xustas. Queremos seguir construíndo unha sociedade inclusiva e igualitaria que atenda e respecte todas as diversidades e non deixe fóra a ninguén. Por iso fixemos chegar aos partidos políticos as nosas propostas para que o dereito da cidadanía á Educación Social sexa garantido.

O goberno resultante das vindeiras eleccións galegas terá o reto de dar resposta a unhas necesidades sociais que se están vendo agravadas pola crise derivada da emerxencia sanitaria Covid-19. Por iso, dende o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia consideramos que o compromiso das forzas políticas co benestar da cidadanía ten que ser claro; necesítanse unhas políticas públicas xustas e eficaces para acadar unha sociedade plenamente inclusiva e igualitaria.

Ver documento de propostas.

Enlace para a presentación da nova eduso.net
Enlace para a presentación da nova eduso.net

O CGCEES vén anunciando dende hai uns días unha sorpresa especial: a estrea da nova web eduso.net. Un espazo que leva 20 anos constituíndo unha rede de información, coñecemento, diálogo e apoio para entidades e persoas relacionadas coa Educación Social, e que agora se renova, para afianzarse como referencia en internet para as e os profesionais, poñendo en valor o traballo en equipo, e achegando unha maior visibilización da profesión. En definitiva, para seguir fortalecendo a profesión de Educación Social.

A presentación será esta tarde en directo a través da canle de Youtube do CGCEES.

Enlace de acceso: https://youtu.be/ITUIfujvlvU

Hoxe, 10 de xuño ás 17:00 h.