Convive.COMigo busca persoas ou familias para convivencia educativa con adolescentes
Convive.COMigo busca persoas ou familias para convivencia educativa con adolescentes

Entre as medidas que establece a lei 5/2000, de 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, está a de ‘convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo’. É dicir, convivencia da/o adolescente noutro contexto familiar diferente ao de orixe, proporcionando un entorno educativo e socializador no que aprender/modificar aquelas condutas que foron motivo de denuncia e que deron lugar á imposición da medida xudicial.

A Asociación Arela encárgase do desenvolvemento deste programa, realizando ademais un acompañamento profesional durante todo o proceso de convivencia, que oscila aproximadamente entre os seis meses e o ano de duración.

Que buscan?

Familias ou persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades a quen o xulgado lle impuxo en sentenza unha medida de convivencia cunha persoa ou familia.

Un ambiente socializador e positivo que lles permita aos/as adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes.

Que requisitos?

Son precisos uns requisitos mínimos como ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade,…

Valórase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia, formación de carácter xurídico…

Que ofrecen?

Formación grupal e individual, e asesoramento.
Acompañamento de profesionais.
Financiamento durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou a persoa.

Ir á web do programa

Cobro de cota colexial. Prazo de solicitude de cota reducida.
Cobro de cota colexial. Prazo de solicitude de cota reducida.

A finais do mes de xullo pasarase o cobro de cotas colexiais (correspondente ao segundo semestre 2020)

Recordamos que existe a posibilidade de beneficiarse de cotas reducidas (por desemprego, residencia no estranxeiro, salario inferior ao SMI ou situacións análogas)

Quen queira acollerse a este tipo de cotas, debe presentar a documentación pertinente ata o día 8 de xullo. A confirmación da correcta recepción da documentación farase entre os días 9 e 17 de xullo.

No caso de desemprego, tarxeta de demandante de emprego actualizada.
No caso de salario inferior ao mínimo, informe de bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social.
Para outras posibles situacións, consultar co Ceesg.

Se no cobro anterior non te beneficiaches de desconto, recorda enviar xunto coa documentación xustificativa a solicitude de cota semestral bonificada

A documentación pode achegarse por correo-e a ceesg@ceesg.org.

O 10 de xuño será un día especial
O 10 de xuño será un día especial

O CGCEES vén anunciando dende hai uns días unha sorpresa especial. E por fin desvelaron de que se trata. Podes descubrilo xa vendo este vídeo.

10 de xuño ás 17:00 h.

Son de Fiar. Retallos para construír o feminismo na intervención socioeducativa
Son de Fiar. Retallos para construír o feminismo na intervención socioeducativa

Fiadeiras ofrece a formación ‘Son de Fiar’ en retallos, é dicir, en anacos que cada participante pode ir fiando ata compoñer o seu propio coñecemento sobre os Feminismos e incorporalo na intervención socio-educativa.

Esta actividade está dirixida a todas as colexiadas e colexiados, de xeito gratuíto. O acceso aos contidos estará aberto na zona privada da web www.ceesg.org.

Cada semana publicarase na web un novo Retallo, o primeiro o 1 de xuño, e o último o 6 de xullo. Para respectar os diferentes ritmos, a formación quedará dispoñible uns días máis, ata finais de xullo.

Poderá emitirse certificado de participación ás persoas que se inscriban, debendo realizar as pequenas actividades que se incluirán nos retallos.

A duración estimada para a realización do curso, e que se contemplará no certificado de quen o solicite, é de 12 horas.

Para inscribirte, envíanos a ficha de inscrición. Admítense inscricións ata o 7 de xuño.

Para coñecer máis detalles, olla a seguinte presentación:

Descargar ficha de inscrición
Presentación dos Retallos ‘Son de Fiar’

Acceso aos retallos

Educación Social para agromar sementes de comunidade
Educación Social para agromar sementes de comunidade

Hoxe é un día máis no almanaque. Un día máis no que tentamos volver ás nosas vidas, rutinas e ritmos, coas presas e a habitual falta de tempo para pararnos a reflexionar cunha perspectiva máis ampla ca imposta polo predominio do inmediato.

Hoxe pasará desapercibido, e non recordaremos nin recoñeceremos como é debido o traballo e o esforzo realizado durante tanto tempo e por tantas persoas, colectivos e organizacións para tratar que a sociedade adique un chisco da súa atención a observar o que ten ao seu redor, e que cada vez máis rápido está a perder: ecosistemas, saberes de profundas raizames, tecido sociocomunitario.

Mais hai moitas sementes que estes meses comezaron a brotar entre veciñas e veciños, amizades, profesionais, cidadanía en xeral: apoio mutuo, solidariedade, preocupación e acción polo ben común.

Dende a Eira do Ceesg pensamos que agora, como educadoras e educadores sociais, tócanos recoñecer estas sementes de comunidade, agarimalas para axudalas a agromar e tecer redes que as fagan medrar fortes. Porque dende a Educación Social temos moito que dicir e que facer para construír colectivamente presentes e futuros nos que comunidade e sustentabilidade se sitúen como eixos vertebradores de novas sinerxías e xeitos posibles de vivir no mundo.

Por iso hoxe, Día Internacional do Medio Ambiente, e todos os días do ano:

  • Reclamamos o ámbito comunitario e ambiental como un espazo interdisciplinar e interdependente onde a Educación Social estea presente de xeito activo.
  • Reivindicamos profesional e socialmente a importancia do desenvolvemento comunitario e a educación ambiental en clave pedagóxica e social nos contextos locais, incidindo nas súas posibilidades transformadoras.

Cremos que o desenvolvemento comunitario e a educación ambiental son ámbitos básicos para comprender e situarnos neste contexto de crise sistémica permanente que nos tocou vivir.

Porque pensamos que estas vías nos servirán de axuda para afrontar todo o que está por vir.

Porque precisamos valorar e coidar o planeta no que vivimos, mais recoñecendo a relevancia que ten a acción socioeducativa en clave local e comunitaria.

Hoxe, e todos os días do ano:

Sen Educación non hai transformación

Somos Educación Social

A Eira do Ceesg.
Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.
5 de xuño de 2020. Día Mundial do Medio Ambiente.

Retomamos a actividade presencial
Retomamos a actividade presencial

O vindeiro luns 8 de xuño o Ceesg retoma a actividade presencial con cita previa.

Temos desenvolvido un plan de transición á nova normalidade, no que entre outras cousas recollemos as obrigas, tanto para traballadoras como para visitantes, de:

  • Manter distancia
  • Uso de máscara
  • Uso de xel hidroalcólico, que haberá na entrada
  • Unha persoa como máximo no interior
  • Permanecer o mínimo tempo posible
  • Atención con cita previa

Ademais recoméndase usar os servizos de xeito telemático, sempre que sexa posible.

Podes consultar o Plan de transición á nova normalidade do Ceesg: VER PLAN