ACTUALIDADE

O Ceesg presentou recurso de reposición contra as bases anunciadas polo Concello da Laracha para a Convocatoria de proceso selectivo para a provisión de unha praza de orientador/a-prospector/a laboral para o programa integrado de emprego e formación dunha bolsa de emprego, publicadas no BOP da Coruña do 20 de xullo de 2022.
O motivo do recurso é solicitar a inclusión da titulación de Educación Social como un dos requisitos académicos válidos para participar no proceso.

O pasado 22 de xullo presentouse en Ourense a Convivencia Iteruniversitaria e Profesional da Educación Social.
No acto participou Elena Rivo, Vicerreitora do Campus de Ourense, que destacou a complexidade de organizar actividades deste tipo e subliñou o interese de implicar nas actividades universitarias outros territorios, neste caso Asturias e norte de Portugal, e sobre todo zonas rurais.
Xosé Manuel Cid, Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, subliñou a vocación deste centro de ‘trasladar a universidade ao exterior e recibir o que nos poida vir do exterior’. Sinalou ademais, que a universidade ‘non é só aprender catro materias senón tamén participar da cultura e da contorna’.
Deibe Fernández-Simo, vogal do Ceesg e coordinador do evento explicou en detalle unha convivencia que quere ‘pór en valor todo o que ten que ver coa Educación Social’. A iniciativa, dixo, ‘trata de rachar as barreiras que temos habitualmente entre as universidades’ facilitando espazos de encontro entre alumnado e profesionais.
A convivencia, que se celebra coincidindo co Día Internacional da Educación Social, contará cun intenso programa que inclúe un seminario de formación, actividades lúdicas e culturais, que procurarán propiciar o intercambio e a creación de redes.
A información detallada e fomulario de inscricións está na web do Ceesg

O comité de organización e científico do IV Congreso Internacional de Acción Socioeducativa (CIASE), vén de publicar coa editorial Pirámide e en versión dixital o libro, ‘Xustiza social, xénero e intervención socioeducativa’, en dous volumes, froito dun inxente e rigoroso traballo en equipo, do que formou parte a presidenta do CGCEES.
Volume I. Medio penal e contextos delituosos (ISBN dixital: 978-84-368-4450-4). DESCARGAR
- Parte I: Fundamentos socioeducativos, xénero e actualidade penal.
- Parte II: Menores en conflito e mozos no medio penal.
- Parte III: Intervención socioeducativa penal.
- Parte IV: Educación en prisión.
- Parte V: Reinserción e acompañamento penal.
Volume II: Actualidade e intervención socioeducativa en distintos contextos. (ISBN dixital: 978-84-368-4629-4). DESCARGAR
- Parte I: Convivencia, xustiza e dereitos humanos.
- Parte II: Menores e mozos vulnerables.
- Parte III: Educación e sociedade.
- Parte IV: Familia, xénero e prevención da violencia.
- Parte V: Diversidade, inclusión e intervención educativa.
Neste Congreso participou o Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais (CGCEES) e o Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Andalucía (CoPESA).

Os días 15 e 16 de setembro de 2022 desenvolverase, en formato en liña, o I Seminario Científico Internacional en Pedagoxía Social, co tema: “Retos e contribucións dos grupos e redes de investigación e acción profesional”
Esta actividade está organizada pola Sociedade Iberoamericana de Pedagoxía Social (SIPS), o Departamento de Educación e Psicoloxía Social (Universidade Pablo de Olavide) e o Grupo de Investigación en Acción Socioeducativa (GIAS)
O Seminario ten como principais persoas destinatarias aquelas persoas con interese en coñecer a estrutura organizativa e as liñas de actuación promovidas polos Grupos de Investigación e as Redes de Grupos de Investigación e da Acción Profesional, vinculadas á Pedagoxía Social e Educación Social desde distintas perspectivas.
As persoas interesadas en asistir en liña a este seminario deberán realizar a súa inscrición gratuíta ata o 14 de setembro, como data límite, a través do formulario de inscricións, facendo constar todos os datos solicitados.
Os temas principais son:
- A ciencia que transforma. Claves desde a Pedagoxía Social e a Educación Social.
- Avances científicos en Pedagoxía Social-Educación Social: achegas desde a investigación e a acción. (Contará coa participación de Lourdes Menacho Vega. Presidenta Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais -CGCEES-).
- Redes de grupos de investigación e de acción profesional: co-construción da ciencia desde a Pedagoxía Social e a Educación Social. (Contará coa participación de Carlos Sánchez-Valverde Visús. Coordinador Revista RES, membro -CEESC-)
- Visibilidade e transferencia do coñecemento social en Pedagoxía Social- Educación Social. (Contará coa participación de Alberto Fernández de Sanmamed Santos. Membro do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia -CEESG-)
Podes ver toda a información e o programa detallado na Web do Seminario.
Ir á web do Seminario.

O pasado 23 de xuño publicouse no DOG a resolución da Consellería de Política Social e Xuventude convocando o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no centro de reeducación Concepción Arenal.
En dita resolución, indícase a respecto dos requisitos do persoal educador o seguinte: “Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función”.
Dende o Ceesg enviamos unha solicitude á Consellería solicitando a modificación da resolución para que se respecte o establedico no IV Convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores, convenio marco do sector, que establece que ‘Educador/a’ é unha categoría a extinguir, e calquera nova contratación deste tipo de persoal debe facerse na categoría ‘Educador/a social’. Ademais, recordamos que Educación Social é unha profesión titulada, e polo tanto para o seu exercicio debe contarse coa titulación universitaria de Educación Social ou habilitación profesional recoñecida por colexio profesional oficial.
Trátase non só de evitar o exercicio fraudulento da profesión, senón tamén, e sobre todo, de velar por unha atención adecuada e profesionalizada ás persoas destinatarias da acción socioeducativa.

Coa Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social na Serra do Xurés preténdense crear redes entre profesionais, alumnado e profesorado de Educación Social de Galicia, Asturias e Portugal.
Queremos crear un evento que sirva de punto de encontro e que permita dar visibilidade.
A elección dun núcleo de alta montaña para este fin aséntase na idea de achegar ao alumnado universitario os valores sociais, etnográficos, naturais e culturais do rural raiano do sur de Ourense.
A elección da data tampouco é casualidade, pois este encontro servirá como conmemoración do Día Internacional da Educación Social, que se celebra cada ano o día 2 de outubro.
A convivencia contará cun intenso programa de actividades que inclúen:
- Conferencias de especialistas en acción socioeducativa.
- Experiencias de aprendizaxe comunitaria.
- Feira de organizacións de educación social
- Actividades culturais e lúdicas de convivencia.
- Espazos interxeracionais de coñecemento da etnografía y dos valores sociais propios da comunidade rural.
- Rutas para o descubrimento da riqueza natural da Serra do Xurés.
Non perdas a oportunidade de pasar dous días de creación de redes, de intercambio de coñecementos e tamén de lecer e esparcemento nun marco natural inmellorable.